A DEPUTACIÓN ACHEGA 25.000 PARA O FUNCIONAMENTO DO CONSERVATORIO DE VIVEIRO
Esta achega vai na liña do compromiso que ten a Área de Cultura da Deputación cos conservatorios de música municipais da provincia (Viveiro, Vilalba e Monforte)
Mario Outeiro asinou o convenio por importe de 25.000 euros co alcalde de Viveiro, Melchor Roel
Segundo explicou Mario Outeiro, “este convenio sitúase no marco de colaboración que a Área de Cultura da Deputación de Lugo mantén cos conservatorios de música de titularidade municipal, como son o caso de Viveiro, Vilalba e Monforte de Lemos, que lembremos que están a sufrir unha situación comprometida”, como indica o feito de que o goberno municipal de Vilalba plantexase recentemente recortar os seus servizos e horarios para aforrar custes.
O conservatorio de Viveiro ten no actual curso 340 alumnos e alumnas de toda a comarca da Mariña, e incluso da comarca de Ortegal, que reciben formación musical por parte de 20 profesores e profesoras. Non obstante, o seu mantemento supón un forte compromiso económico por parte do Concello de Viveiro e, debido a isto, as matrículas do alumnado son sensibelmente máis caras que noutros conservatorios públicos.