Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación gastará 240 mil euros nun plan estratéxico para dinamizar o turismo

ANTONIO VEIGA ANUNCIA O INVESTIMENTO DE 240.000 EUROS PARA DINAMIZAR O TURISMO LUCENSE

Con este investimento poranse en marcha as rutas fluviais en catamarán na tempada estival e realizarase un Plan Estratéxico para a posta en valor dos 7 xeodestinos turísticos da provincia

Antonio Veiga replicou ao sr. Balseiro polas súas declaracións que “a Deputación está a apoiar como ningunha outra administración o Benestar das nosas persoas e seguirao facendo, mentres que a Xunta se desentende das súas competencias sendo unha máquina de destruír emprego”

Lugo, 1 de xuño de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade, o nacionalista Antonio Veiga, na rolda de prensa de hoxe posterior á Xunta de Goberno, anunciou hoxe que se van investir “máis de 240.000 euros na posta en marcha de iniciativas de dinamización do turismo. En concreto, en dúas iniciativas que xulgamos moi importantes polas posibilidades e incidencia directa que teñen na xeración de emprego e posta en valor dunha zona moi importante e cunha riqueza moi alta, como é a Ribeira Sacra. Por iso, aprobouse a encomenda de xestión a SUPLUSA, por razóns de axilidade e eficacia, para a xestión do persoal e o mantemento dos embarcadoiros e embarcacións das Rutas Fluviais que esta Deputación organiza nos encoros desta provincia e o seu ámbito, con especial atención á protección do medio, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro por un importe de 223.335 euros. Con esta medida estamos a apostar por aumentar o gasto turístico, xerando unha maior presenza de viaxeiros e turistas na Ribeira Sacra, polo que tamén é unha aposta polo emprego, non só os que de xeito directo terán a encomenda de dirixir as rutas en catamarán senón tamén os empregos indirectos no sector hostaleiro que se beneficiarán desta chamada de visitantes que produce a oferta de rutas en catamarán. O estabelecemento destas rutas vén producindo unha actividade complementaria con iniciativas de emprego que pouco a pouco se van incrementando, diversifícase a oferta e pouco a pouco hai máis pernoctacións, o que é un elemento que inflúe directamente no incremento do consumo. Estas iniciativas, polo tanto, repercuten directamente na creación de emprego, que é unha das liñas primordiais nas que se centra a nosa acción de goberno”.

Segundo explicou Antonio Veiga, na liña de mellorar os resultados turísticos da nosa provincia tamén se enmarca a seguinte iniciativa, que é a de crear “un Plan Estratéxico que estude a posta en valor dos 7 xeodestinos turísticos da nosa provincia, que son Os Ancares, Terra Chá, A Mariña, Ribeira Sacra, Terras do Miño, A Ulloa e Lugo. Neste sentido, hoxe aprobouse destinar 18.000 euros a un convenio coa USC para que elabore este estudo que analizará as características propias de cada comarca na procura das principais potencialidades e oportunidades de cada un e en función deste estudo deseñaranse ofertas turísticas para cada xeodestino en función dos seus recursos, ben sexan urbanos, patrimoniais, culturais, etnográficos, enolóxicos, naturais, etc, e promovendo ofertas integradas dirixidas principalmente ao turismo de proximidade, en Galiza, e tamén ao de rexións como Asturias e o pais irmán de Portugal”.

Por outra banda, fóra dos asuntos de goberno, e facendo resposta ás declaracións aparecidas nos medios de comunicación recentemente por parte do sr. Deputado no Parlamento Galego do PP, Xosé Manuel Balseiro, o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, afirmou que “en contraposición aos venres de dolor aos que o PP nos ten acostumados anunciando recorte tras recorte, aquí nós sentámonos para poñer enriba da mesa boas noticias, con iniciativas que veñen acompañadas de investimento para xerar emprego e benestar na nosa provincia, non como acontece coa Xunta de Galiza e o goberno do Estado, en mans do PP, que son auténticas máquinas de destruír emprego”.

Veiga replicou que “para nós o Benestar é un eixo central das nosas políticas, porque estamos coa xente que o necesita, coas maiorías sociais, non coma o PP que deixa sen atención básica a persoas por introducir os recortes que logo serven para darlle aos poderosos, á Banca e ao capital”.

“Volvendo sobre a negativa da Xunta de Galiza de financiar o SAF básico naqueles concellos menores de 20.000 habitantes, ten que saber o sr. Balseiro que nós nunca lla imos dar por boa, igual que a negativa da Consellaría de Traballo e Benestar ás residencias propostas por esta Deputación, xa que anteriormente temos criticado que o PP o único interese e necesidade está no eixo atlántico, de Ferrol a Vigo, pero nós cremos que os servizos sociais son fundamentais no interior como garante de evitar o despoboamento e por xustiza social, porque unha persoa ten que ter dereito aos mesmos servizos pese a vivir no rural e non se debe ver discriminada por unha decisión da Xunta de Galiza de priorizar ese eixo atlántico”- afirmou Veiga.

Por outra banda, Veiga desbotou entrar “nese debate de mentiras e insidias no que quere entrar o señor Deputado do PP pola Mariña que fixo as declaracións senón simplemente que imos lembrar, unha vez máis, cal é a aposta da Deputación polo servizo de axuda no fogar do que a Xunta se desentendeu este ano: pois ben, en 2010 outorgamos 500.000 euros aos concellos para axuda no fogar, en 2011 outros 500.000 euros e en 2012 aumentamos até os 600.000 euros, unha cantidade da que no vindeiro mes os concellos xa saberán a cantidade que lle corresponde posto que se lles vai notificar con prontitude ao resolvérense no mes de xuño.

Exit mobile version