Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación presentou o XVI torneo internacional de fútbol base “Costa Nova” que se xogará na Mariña

PRESENTADO O XVI TORNEO INTERNACIONAL DE FÚTBOL BASE COSTA NOVA

Antonio Veiga explicou que “iniciativas coma esta facilitan a consolidación da práctica e do espírito deportivo na zona ao tempo que serven de elemento dinamizador da comarca”

Os partidos xogaranse esta fin de semana en campos de fútbol de varios concellos da Mariña

Lugo, 22 de xuño de 2012. Doce estadios diferentes, situados nas localidades de Burela, Alfoz, Foz, San Miguel de Reinante, Cangas, O Valadouro, Cervo, Lourenzá, San Cibrao e Xove, acollerán, do 30 de xuño ao 1 de xullo, o XVI Torneo Internacional de Fútbol Base Costa Nova. O acto de presentación, que tivo lugar hoxe pola tarde, no Concello de Foz, contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga.

Esta cita deportiva volverá a reunir a numerosos equipos na comarca da Mariña, procedentes de Galiza e doutros lugares do estado, e incluso do estranxeiro, que competirán nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, feminina sub-14 e feminina adulta.

Na súa intervención, Antonio Veiga resaltou “a necesidade de fomentar e impulsar a práctica do fútbol ou de calquera outra disciplina dende a base, contribuíndo á formación das futuras estrelas do deporte lucense dende moi novas”. Nesta liña, o vicepresidente da Deputación salientou “o gran labor realizado pola Asociación Foz Costa Nova en prol do fútbol base mariñao”, e explicou que “iniciativas coma esta facilitan a consolidación da práctica e do espírito deportivo na zona ao tempo que serven de elemento dinamizador da comarca, algo que desde a área de Deporte da Deputación compartimos e apoiamos”.

Exit mobile version