A Fundación TIC promocionará as praias da Mariña difundindo actividades deportivas e medioambientais
– O Deputado de Economía do Coñecemento e patrono da TIC, e a presidenta do North Shore Surf Club de Barreiros presentaron un amplo programa de deportes e actividades acuáticos e medioambientais
– Técnicos da TIC e alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son realizarán material audiovisual para difundir estas actividades e completar a súa formación práctica
– A Deputación continúa deste xeito potenciando a calidade turística e medioambiental da Costa luguesa con actividades de lecer, trala exitosa segunda edición do Surf-Camp
Surf e Medio ambiente
As actividades programadas darán comezo o sábado 23 de xuño coa limpeza das praias do municipio de Barreiros que levarán a cabo os participantes. A extensión e número de areais obxectivo desta limpeza dependerá do volume de participantes, e ós asistentes facilitaráselles o material preciso para a recollida de lixo. Pero non todo será traballo: a xornada rematará coa entrega dos agasallos aportados por varios dos patrocinadores da iniciativa, como as escolas de surf Hola, Ola! de Ribadeo e Sensación Surf de Foz, que ademais impartirán un curso gratuíto ós rapaces que colaboren. Tamén está previsto organizar xogos de cazatesouros nestas praias. Ó remate da limpeza, os participantes farán unha cacheira de San Xoán e unha espicha.
Xa no mes de xullo, o sábado 28 terá lugar un Anticampionato de surf, no que os participantes poderán gozar coa práctica deste deporte e facer gala das súas habilidades, sen a presión dunha competición. Haberá premios para as mellores olas, a mellor caída e mesmo para o atuendo máis orixinal e chamativo.
O día 18 de agosto celebrarase na praia de Lóngara o II Mercadillo de Surf, no que os afeccionados poderán vender e mercar material de segunda man. Será unha boa ocasión tamén para achegarse a curiosear, xa que a entrada é totalmente gratuíta para todo o mundo. O programa estival rematará o domingo 19 de agosto coa I Remada Popular, travesía a remo dende a praia de Lóngara, durante a que os participantes terán que colocar tres boias no mar, o que poderán facer nas modalidade de bodyboard, shortboard e longboard.
Novas actividades tras o éxito do Surf-Camp
Esta non é a primeira iniciativa que a Deputación de Lugo pon en marcha na Mariña co obxectivo de promocionar a costa luguesa de cara ó exterior, desestacionalizando o turismo e poñendo en valor a riqueza medioambiental da zona. Así, o Km0 Surf-Camp Deputación de Lugo, que este ano celebrou con éxito a súa segunda edición, foi un impulso para a economía dos Concellos da Mariña, aumentando a ocupación hoteleira durante tres días na costa luguesa, rozando o 80% na zona oriental e incluso superalo en Concellos como o de Ribadeo.
Deste xeito, 230 inscritos (o dobre do previsto ante a avalancha de solicitudes), procedentes non so das catro provincias galegas, senón de toda a metade norte de España, como León, Bilbao ou Asturias, e mesmo de Madrid, xunto á presenza dos mellores surfers a nivel nacional, a asistencia de medios nacionais e internacionais para cubrir o evento e as boas condicións meteorolóxicas converteron á Mariña en referencia turística fóra de tempada. Novamente, as actividades de ocio na costa luguesa sen dúbida contribuirán a promocionar, dun xeito diferente e orixinal, os areais de calidade cos que conta a provincia.
A TIC, ó servizo da provincia
A Fundación TIC apoia a máis de medio cento de asociacións sen ánimo de lucro da provincia e mantén contratos con máis de 60 empresas nacionais do sector multimedia. O principal obxectivo destes acordos é proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da EIS para que poidan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector audiovisual. Entre as organizacións coas que colabora a Fundación TIC figuran ONGs e asociacións culturais para apoiar o seu labor social e impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade; entidades deportivas, que promoven o deporte base; así como empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. No último ano, a Fundación TIC incrementou en máis dun 400% os convenios asinados con colectivos lugueses.