A PRAIA DAS CATEDRAIS TIVO POR PRIMEIRA VEZ VOZ DIRECTA EN EUROPA. O ALCALDE MANTIVO UN ENCONTRO COA DIRECTORA XERAL DA NATUREZA E BIODIVERSIDADE DA COMISIÓN EUROPEA EN BRUXELAS. SUÁREZ BARCIA EXPLICÓULLE QUE SE TRATA DUN AREAL QUE XENERA MOITO TURISMO E RIQUEZA, PERO QUE ÁS VECES SOFRE SERIAS AMEAZAS DEBIDO Á CANTIDADE DE VISITAS QUE RECIBE. EN NOVEMBRO HABERÁ UNHA NOVA XUNTANZA CON REPRESENTANTES DA UE EN RIBADEO.
Suárez Barcia dixo estar moi satisfeito tras esta xuntanza que acabo de manter aquí en Bruxelas coa directora xeral da Natureza e Biodiversidade da Comisión Europea, Pia Bucella, “aquí por primeira vez a praia das Catedrais tivo voz directa en Europa e aquí lles plantexamos a situación que temos. Este areal é un instrumento que xenera moito turismo, que atrae riqueza, pero que ás veces sofre serias ameazas debido á cantidade de visitas que recibe. Tamén lles contamos cómo é o Concello de Ribadeo, prácticamente en solitario con algo de apoio da Deputación Provincial de Lugo, quen está a regular todo ese ecosistema e todo o que se xenera ao longo do ano arredor desa praia”.
O rexedor explicou que “o que lles propoñíamos é a necesidade de facer un plan de usos e servizos da praia das Catedrais, non só co Concello e coa Deputación senón tamén co Ministerio de Medio Ambiente e co goberno galego. Desde a Comisión Europea indícannos que gobernos, coma o galego, teñen ata finais de ano para presentar o que eles denominan como marcos prioritarios de acción e onde deben ter en conta estes espazos tan laureados da Rede Natura 2000, como é a praia das Catedrais, para presentar programas de acción que tamén desde a UE poden recibir financiamento”.
O alcalde anunciou “o compromiso moi importante para Ribadeo dado que desde Bruxelas concretamos ter en novembro unha xuntanza na nosa vila con representantes da Comisión Europea, á que estarán convidadas ademáis das autoridades locais tamén representantes do goberno do Estado e da Xunta de Galicia para falar da Rede Natura e nós especialmente para abordar o caso de Ribadeo e da nosa praia das Catedrais. Queremos que vexan en directo a riqueza ambiental e a aportación económica que nos xenera este areal porque eu creo que este caso, como a propia directora xeral dicía, é singular na Rede Natura no que a natureza corresponde cun valor económico, de aí que todos teñamos que traballar en conxunto todas as administracións e impulsado tamén pola UE para que As Catedrais sigan a ser unha fonte de riqueza, e que non matemos entre todos a galiña dos ovos de ouro”.