Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta anuncia un protocolo de colaboración coas diputacións para eliminar duplicidades e optimizar a xestión

A premisa é “unha Administración, unha competencia, un servizo”, asevera

FEIJÓO ANUNCIA UN PROTOCOLO DE COLABORACIÓN “PERMANENTE” ENTRE A XUNTA E AS CATRO DEPUTACIÓNS PARA “ELIMINAR DUPLICIDADES, FORTALECER A XESTIÓN CONXUNTA E OPTIMIZAR A PRESTACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS” AOS CIDADÁNS

 O protocolo ten un propósito compartido “ter administracións máis sostibles, máis útiles, máis eficientes, menos caras e buscar conxuntamente a maior calidade de vida dos galegos, que son os que financian as deputacións e a Xunta de Galicia”, afirma

 Trabállase cunha filosofía “clara”, un ámbito de actuación “amplo pero definido” e un propósito “compartido por todos”

 O documento constitúese nunha “folla de ruta” que será o punto de partida para “posteriormente aplicada en todos os eidos posibles” porque os cidadáns “están pedindo estruturas máis sinxelas, máis operativas e eliminar duplicidades e gastos innecesarios”

 Abre a vía de colaboración “con todos os eidos de xestión posible nos que hai unha colisión de competencias, directa ou indirectamente, entre as deputacións e a Xunta de Galicia”: en materia de servizos sociais, de investimentos, de equipamentos culturais, en materia deportiva e turística, en materia de contornas urbanas e de infraestruturas hidráulicas, de emerxencias ou de actividades formativas e de emprego

Santiago, 14 de xuño de 2012.- O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o Consello da Xunta de hoxe presentou un protocolo de “colaboración permanente” entre a Xunta e as catro deputacións provinciais co obxectivo de “eliminar duplicidades, fortalecer a xestión conxunta e optimizar a prestación dos servizos públicos” aos cidadáns. “Con este triplo obxectivo xa temos remitido o texto ás catro deputacións, desde hai tempo, e nos próximos días asinaremos o convenio, o documento marco, a guía de colaboración permanente entre as catro deputacións e a Xunta de Galicia”, aseverou ao respecto.

Segundo explicou Feijóo na rolda de prensa tras o Consello, trátase dunha “estratexia global para definir conxuntamente a estratexia global de Galicia: investimentos conxuntos, coa suma de capacidades dos distintos niveis dos distintos gobernos que conflúen no territorio de Galicia; é dicir –incidiu-, concretar esforzos cunha premisa: unha Administración, unha competencia, un servizo”. Ademais, o protocolo de colaboración terá un“propósito compartido: ter administracións máis sostibles, máis útiles, máis eficientes, menos caras e buscar conxuntamente a maior calidade de vida dos galegos, que son os que financian as deputacións e son os que financian a Xunta de Galicia”, afirmou.

Filosofía “clara”, ámbito de actuación “amplo pero definido” e propósito “compartido”

O mandatario galego incidiu en que o documento presentado hoxe ten unha filosofía “clara”, un ámbito de actuación “amplo pero definido” e un propósito “compartido por todos”.

“Unha filosofía clara –dixo-, a de sumar esforzos para ser máis eficientes e ofrecerlles, en consecuencia, aos cidadáns que nos financian, unha carteira de servizos máis completa e unha carteira de servizos máis eficiente”. O documento constitúese así nunha “folla de ruta” que será o punto de partida “para posteriormente aplicala en todos os eidos posibles” porque os cidadáns, lembrou Feijóo, “están pedindo estruturas máis sinxelas, estruturas máis operativas e eliminar duplicidades e os gastos innecesarios”. E entendemos, abondou, “que é posible facer máis con menos, tamén na Administración local, é posible evitar duplicidades, é posible garantir a calidade dos servizos públicos e neste momento, por primeira vez na historia de Galicia, haberá unha guía entre as deputacións e a Xunta de Galicia para compartir e para traballar conxuntamente servizos públicos de ambas”.

Respecto ao ámbito de actuación, o presidente da Xunta sinalou que é “amplo” porque abre a vía de colaboración “con todos os eidos de xestión posible nos que hai unha colisión de competencias, directamente ou indirectamente, entre as deputacións e a Xunta de Galicia”. A tal efecto, este documento marco pretende abrir unha axenda conxunta entre a Xunta e deputacións en materia de servizos sociais, de investimentos, de equipamentos culturais, unha axenda conxunta en materia deportiva e en materia turística, en materia de contornas urbanas e de infraestruturas hidráulicas, en materia de emerxencias e en materia de actividades formativas e de emprego.

O presidente galego lembrou, por último, que coa presentación desta guía de relacións permanente entre as catro deputacións e a Xunta de Galicia o Executivo autonómico dá un paso máis no seu obxectivo de lograr unha maior cooperación coa Administración local.

Exit mobile version