Site icon Crónica3.com A Mariña

Anuncia o PP unha iniciativa parlamentaria sobre as cooperativas lácteas de Galicia

Para a voceira de Montes, Emma Álvarez Chao, trátase de “crear un proxecto forte que aglutine os proxectos cooperativos lácteos a fin de defenderse mellor fronte as imposicións da industria e dos grupos distribuidores”

O PLENO DO PARLAMENTO APROBARÁ ESTA SEMANA UNHA INICIATIVA DO PPDEG ENCAMIÑADA A CREAR UNHA ÚNICA ESTRUTURA QUE ENGLOBE A TODAS AS COOPERATIVAS LÁCTEAS EN GALICIA

 Segundo Álvarez Chao as cooperativas produtoras de leite representan aproximadamente o 50% das agrarias en Galicia e “nos tempos que vivimos hai que buscar solucións para os produtores, xa que nestes momentos teñen moitas dificultades para cubrir os custos”

 A deputada popular indicou que “deberían unirse nun mesmo proxecto cooperativas que na actualidade se fan competencia entre elas cos seus proxectos lácteos e facilitarlles o apoio técnico específico e asesoramento nese proceso”

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2012.- O Pleno do Parlamento de Galicia debaterá e aprobará, previsiblemente, a vindeira semana unha proposición non de lei do Grupo Popular encamiñada a fomentar a creación dunha única estrutura que englobe a todas as cooperativas lácteas de Galicia. “Trátase de crear un proxecto forte que aglutine ós distintos proxectos cooperativos lácteos existentes na nosa Comunidade a fin de defender de forma máis eficaz os intereses dos seus asociados, en especial fronte as imposicións da industria e dos grupos distribuidores” explicou a voceira de Montes do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao.

A voceira popular destacou que o sector precisa que os produtores traballen de maneira homoxénea para poder protexerse mellor “xa que moitas veces fanse competencia entre as distintas cooperativas cando deberían facerse fortes no mercado para negociar mellor os prezos do leite”. Na iniciativa popular solicítase tamén o respaldo da Xunta de Galicia a esa unión e prestar o apoio técnico específico necesario para o asesoramento neste proceso.

Emma Álvarez resaltou a importancia do movemento cooperativo na realidade económica e social de Galicia como axentes económicos esenciais e imprescindibles no desenvolvemento do país. “Esto transparéntase máis no rural galego e así as cooperativas relacionadas co sector agrario supoñen o 40% de todas as galegas e destas, dunha ou doutra forma, o tipo de cooperativas produtoras de leite representan aproximadamente o 50% das agrarias o que dá idea da importancia que ten este movemento asociativo relacionado con esta produción” indicou a deputada popular.

Para Álvarez Chao “dada a situación que vivimos no momento actual é necesario buscar solucións aos problemas derivados dos baixos prezos do leite para os produtores que na actualidade teñen moitas dificultades para cubrir custos coas súas ventas”. Así mesmo indicou que o feito de facerse competencia entre as cooperativas actualmente existentes “repercute moi negativamente na defensa común dos seus intereses e fan que o prezo non sexa o axeitado polo que é preciso un grupo forte capaz de cerrar o ciclo de produción do campo á mesa que xeraría beneficios aos produtores”.

A deputada popular puxo como exemplo a unión de preto de 96 cooperativas da cornisa cantábrica entorno a DELAGRO, S.L. para realizar compras conxuntas de insumos, fertilizantes e sementes.

Exit mobile version