Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acollerá o V Seminario de Jazz e Música Moderna do 16 ao 20 de xullo

PRESENTADO O 5º SEMINARIO DE JAZZ E MÚSICA MODERNA DE BURELA

O vicepresidente da Deputación augurou “un grande éxito a este seminario xa que terá como profesores a profesionais de alto nivel”

Esta cita coa música desenvolverase do 16 ao 20 de xullo na localidade mariñá

Burela, 19 de xuño de 2012. O vicepresidente da Deputación e responsábel das áreas de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade, o nacionalista Antonio Veiga, participou, esta mañá, na presentación da 5ª edición do Seminario de Jazz e música moderna, que se celebrará en Burela, do 16 ao 20 de xullo, e que está organizado pola Asociación Mariña Jazz, en colaboración coa Área de Cultura da Deputación.

Achegar o jazz a afeccionados e profesionais da música, así como á poboación en xeral, entendido este como xénero no que se insiren un grande número de estilos e tendencias musicais; potenciar a educación en valores a través da práctica instrumental grupal e dinamizar a cultura musical de Burela e da Mariña son algúns dos obxectivos que persegue este seminario.

Durante os cinco días que dura o curso, o alumnado poderá asistir a clases de instrumento e harmonía moderna, participar nos distintos combos que se organicen, así como tamén asistir aos concertos e participar nas jam sessions que haberá diariamente ao finalizar as clases.

Nesta edición, amplíase o profesorado participante con respecto ao ano anterior, co que se pretende mellorar a proposta didáctica e ofrecer novas especialidades instrumentais que se imparten este ano por primeira vez neste Seminario.

Na súa intervención, Antonio Veiga augurou “un grande éxito a este 5º Seminario de Jazz e Música Moderna xa que terá como profesores a profesionais de alto nivel”. Nesta liña, o vicepresidente da Deputación animou a todas as persoas a que disfruten coa música e a participar neste seminario lúdico e formativo.

Exit mobile version