A portavoz nacional desta Iniciativa Popular pola Autodeterminación, Lupe Bouzón, deu leitura a un comunicado no que, alén de denunciar a insuficiencia do marco autonómico para defender os intereses da nación e da maioría social galegas, e reivindicar un novo marco democrático de soberanía política para a Galiza, transmitiu as dúas mensaxes que Causa Galiza quere trasladar á sociedade galega ante o próximo Día da Patria:
1º A necesidade de alcanzar unha convocatoria única por parte de todos os sectores sociais, sindicais e políticos que se definen soberanistas e independentistas. Neste sentido, Causa Galiza renuncia motu proprio a convocar, como viña facendo desde 2007, a súa propia manifestación.
2º Por outra parte, Causa Galiza demanda de todos os sectores implicados nesta iniciativa a procura dun formato común de convocatoria que posibilite que @s soberanistas e independentistas galeg@s podam mobilizarse baixo unha única bandeira no próximo 25 de xullo.
Comunicación de Causa Galiza para a rolda de prensa de sábado 9 de xuño
Bon día a todas e todos,
A pesar de que este é o típico comentario recorrido para todo tipo de ocasións, os galegos e as galegas de hoxe podemos afirmar con plena seguranza que estamos a vivir nun momento que é histórico e trascendente para o noso país e condicionará en profundidade a posibilidade de transmitirmos ás nosas fillas e fillos unha loita de liberación nacional e social merecedora deste nome ou, como alternativa, continuar vexetando e agonizando como nación dentro da prisión autonómica.
Varios factores favorecen que teñamos esta percepción radical da situación: por unha parte, os duros efeitos que está a ter a crise do capitalismo no País, con centos de miles de traballadores e traballadoras desempregados e precarizados; a pauperización de amplos sectores da sociedade, con cifras oficiais que falan xa de mais de 600.000 galegos e galegas vivindo no límite ou por baixo do límite da “exclusión social”; o retorno da lacra da emigración, que bate como sempre nas faixas mais xovens do povo e, por nom estendérmonos máis, a degradación xeneralizada das condicións de vida e de traballo da maioría social, que hoxe ten o seu mellor exemplo no parasitismo do capital financeiro sobre a sociedade galega, os recortes de servizos públicos e investimento social para pagar a déveda da banca e a destrución do marco de garantías básicas entre Capital e Traballo que os nosos pais e avós conquistaran no pasado en loitas desenvolvidas a ferro e lume como as de 1972.
Todos os índices apuntan a que estamos submerxidas nun proceso cuidadosamente planificado en que, de non mediar unha contundente reacción social, sindical e política, como xa acontece na vella Grecia, ou como acontece no veciño Portugal, coñeceremos modalidades de explotación e miseria propias de épocas que considerábamos definitivamente superadas. O claro diagnóstico que hoxe fan os sindicatos nacionalistas é cento por cento coincidente con esta perspectiva. Din algúns expertos en Economía que esta pode ser a primeira xeración da Historia que padeza unhas condicións de vida cualitativamente piores que as dous seus pais e nais e os dados obxectivos suxiren con claridade que, de non mediar esta persistente reacción social, sindical e política, a predición vai camiño de se verificar.
Por outra parte, xunto aos efeitos sinistros da crise estrutural do capitalismo, que se suma á crise permanente e histórica en que vive un povo como o noso submetido á dependencia, parece evidente que abordamos o final do ciclo histórico iniciado coa chamada Transición Democrática. Afirmar isto hoxe é xa un lugar común para os sectores progresistas e de esquerdas do país: a democracia burguesa española que sucedeu á ditadura tamén española é un rexime apenas funcional para unha reducida oligarquía económica e financeira; é un rexime apodrecido pola corrupción, represivo, que carece de lexitimidade democrática, que é incapaz de ofertar solucións para as necesidades máis primarias das maiorías sociais, como traballo, saúde, vivenda, educación, etc., e que, por se se necesitaren máis evidencias, ten como Xefe do Estado un individuo tamén corrupto, formado politicamente e imposto polo seu predecesor na Xefatura do Estado, o xeneral Francisco Franco.
Se este esgotamento dun ciclo histórico é xa vox populi polos motivos expostos, faise aínda máis obvio nun país privado de soberanía política e espoliado social, ambiental e economicamente como é o noso: aquí, despois de máis de trinta anos de autonomía proxectada no seu día como o bálsamo que curaría todos os efeitos nocivos da dependencia, demostrouse o acerto absoluto daqueles lúcidos nacionalistas que, en plena Transición Democrática, desde posicións minorizadas e perseguidas, denunciaran o sistema autonómico “por caciquil e colonialista”, o combateran por non ser máis que unha “trampa contra a loita de liberación nacional” e se negaran a ter unha participación cúmplice na nova farsa autonómica.
Sexa cal for o ámbito sobre o que fagamos un balance -sociolaboral, lingüístico, ambiental, de liberdades e dereitos fundamentais, produtivo, etc.-, concluiremos que a historia da Autonomía é a historia dun mecanismo institucional e económico que nos debilitou como país e posibilitou que chegásemos ao escenario en que hoxe nos encontramos. De feito, non se trata de se estiveran estes ou aqueles xestores á frente da administración autonómica, senón da carencia dun poder de decisión propio, real, que é a causa da venda do noso país ao mellor postor e da imposibilidade material de desenvolver políticas favorábeis á maioría social.
Desde Causa Galiza xa sinalamos en múltiples ocasións o negativo saldo que os galegos e galegas podemos facer, como nación e como maioría social, do ciclo autonómico, así que evitaremos reiteracións. Só queremos constatar un dado: o rexime nascido do Estatuto de Autonomia de 1980 só foi funcional para España, á vez que serviu para debilitar as bases socioeconómicas e identitarias da nación e continuar o seu espolio histórico.
Hoxe, cando os propios deseñadores do rexime autonómico inician a súa deconstrución, reducen e invaden teitos competenciais, decapitan os poderes financeiros territoriais para concentraren aínda máis o capital e, utilizando a linguaxe de quen se sinte suxeito exclusivo da soberanía, falan de recuperar as raquíticas competencias cedidas na Transición e afortalar, de novo, a marca España, hoxe, confesarse ou comportarse como autonomista, defender este ou calquer outro Estatuto que encaixe dentro do corsé constitucional, é simplesmente posicionarse contra os intereses da Galiza como nación e contra os intereses da maioría social galega. Por esta razón é que nós, hoxe, como hai 32 anos, continuamos declarándonos nacionalistas, soberanistas e independentistas.
As convulsións que vive o capitalismo e o esgotamento do actual ciclo histórico tiveron ecos evidentes no campo da esquerda nacionalista galega. Nestes meses encontrámonos nun panorama confuso para moitos en que escisións, fusións e novas alianzas reconfiguran as vellas lindes que demarcaban proxectos e campos políticos e ideolóxicos. Frorecen pois os partidos de ocasión, os “xiros soberanistas” que non se materializan en práticas ruturistas reais, os galeguismos epidérmicos, baleiros de contido e carentes da necesaria reflexión e programa político e as presas eleitorais que condicionan, e debilitan, os procesos de construción das ferramentas políticas e organizativas que necesita a nación para as próximas décadas.
Desde Causa Galiza, como un factor máis entre moitos outros que traballan pola liberación nacional e social, valoramos que para os sectores que defendemos Galiza, para a esquerda real deste país, o dilema, a grandes trazos, continúa a ser un dilema clásico, porque só desde o dereito a decidir libremente podemos defender Galiza e mudar de modo radical as condicións de vida da maioría social: soberanía nacional ou integración en España na agonizante condición de Comunidade Autónoma; independencia ou dependencia; batalla social cotiá como eixo de toda política, ou política de xestión; utilización das institucións para acumular forzas ou política de gabinete, etc. En todas estas disxuntivas escollemos a primeira opción: soberanía, independencia, autodeterminación, autoorganización e loita, porque só o combate diario e a construción a longo prazo dun poder político nacional, con plena capacidade operativa, sen imposicións nen corsés legais, pode ser eficaz para combater o capitalismo selvaxe, para recuperarmos a dignidade colectiva e para protexer o noso territorio e a nosa lingua da depredación.
Con esta xenérica folla de rota como guía, coa conciencia de que é imprescindíbel constituir un novo proxecto común soberanista e independentista liberado de ambigüidades e modelos caducos, Causa Galiza quere lanzar unha dobre mensaxe a todos os sectores nacionalistas, soberanistas e independentistas, por riba de afiliacións e partidismos, ante a conxuntura inmediata da celebración do próximo Dia da Patria:
1º Por unha parte, apelamos a todos os axentes e sensibilidades que participan no campo soberanista e independentista a manifestármonos conxuntamente o próximo 25 de xullo como expresión de que, por riba das lexítimas diferenzas e perspectivas que existen no noso movemento nacional, compartillamos unha estratexia xeral común. Neste sentido, Causa Galiza renuncia publicamente desde este momento a xogar o papel de entidade convocante exclusiva que vimos desempeñando desde 2007.
2º Por outra parte, Causa Galiza chama aos sectores soberanistas e independentistas implicados na convocatoria do Dia da Patria de 2012 a habilitar o formato adecuado para posibilitar esta convocatoria unitaria e facer un exercicio colectivo de madurez política e altura de miras, evitando a multiplicación e atomización das mobilizacións soberanistas e independentistas e colocando este 25 de xullo como un paso máis dentro da construción do proxecto comum para a liberación nacional e social que necesita con urxencia o Povo Traballador Galego.
Esta é a nosa vontade e tendemos as mans a tod@s @s nacionalistas, soberanistas e independentistas para materializala no noso dia nacional.