Defender o indefendible
Na práctica, o que fai Feijóo con esta nova escusa de mal pagador é trasladarlle ao noso concello unha competencia sen sufragar gasto ningún. É dicir, o goberno galego obríganos a garantir uns servizos sociais comunitarios con cargo ao orzamento municipal, cando é a Xunta quen dispón de máis marxe de manobra e recursos para afrontar este tipo de políticas. Aínda que todo isto non comeza aquí, xa que as axudas autonómicas xa foron recortadas anos atrás. Para Xove, no 2010, o goberno do PP na Xunta destinou 53.439,48 euros ao Servizo de Axuda no Fogar Básico; mentres que o goberno do BNG na Deputación achegou 118.669,70 euros. E no ano 2011 o executivo de Núñez Feijoo destinou 13.600,02 euros, mentres que a Área de Benestar Social de Antonio Veiga asignou unha partida de 40.485,00 euros.
Pero isto non é todo. Nunha reunión convocada polo vicepresidente nacionalista da Deputación de Lugo á que asistiron os alcaldes de toda a provincia, unha das voces que defendeu con máis entusiasmo o recorte deste servizo público foi a do propio alcalde xovense. Esta actitude de submisión do PP local, non só aceptando, senón facendo seus os ditados feijonianos, é moi grave debido á excepcionalidade deste servizo no noso municipio. Unha postura incomprensible que só se pode cualificar de desleal coas persoas prexudicadas: 215 usuarios do servizo en Xove, 5 profesionais que veñen desenvolvendo este traballo desde o Concello e 43 empregadas da empresa Coidados S.L., que presta o Servizo de Axuda no Fogar en réxime de concesión.
Marco López
Portavoz do BNG de Xove
14/06/2012