Site icon Crónica3.com A Mariña

As rúas de Viveiro encheranse de ambiente para celebrar o Mercado Renacentista

Viveiro potencian o turismo e as vendas de produtos autóctonos coa celebración do Mercado Renacentista

Deputación e Concello de Viveiro potencian o turismo e as vendas de produtos autóctonos co Mercado Renacentista

– Mañá arranca a 5º edición deste festexo que en 2011 xuntou a máis de 10.000 persoas, xerando un volume de negocio e rexistrando unha ocupación hoteleira semellante á da Semana Santa

– Dentro da aposta polo impulso dos recursos naturais para xerar riqueza, o organismo provincial asume o 40% do orzamento deste evento, con 4.000 euros

– Os actos, que comezarán co desembarco de Carlos V e Juana la Loca na Ponte da Misericordia, inclúen unha cea renacentista cuxas entradas están á venda na oficina de turismo a 25 e 10 euros

Deputación e Concello de Viveiro potencian o turismo e as vendas de produtos autóctonos coa quinta edición do Mercado Renacentista. É o festexo que lembra o pasado histórico desta localidade mariñana e que arrincará mañá, prolongándose toda a fin de semana. O Alcalde viveirense, Melchor Roel, destacou hoxe a nova suma de esforzos entre ambas as dúas institucións na organización desta cita que atrae a milleiros de visitantes á Comarca. O organismo provincial, dentro da súa aposta polo impulso dos recursos naturais para xerar riqueza, asume o 40% do orzamento necesario, con 4.000 euros. E é que hai que ter en conta que máis de 10.000 persoas participaron na pasada edición deste festexo, xerando un volume de negocio e rexistrando unha ocupación hoteleira semellante á da Semana Santa.

O Mercado Renacentista -que este ano se estende á rúa Irmáns Vilar Ponte, Avenida Cervantes e ó Claustro de San Francisco- contará con máis de 70 expositores nos que se porán á venda produtos coma pan, embutidos e queixos, mel, frutas e verduras; así coma pezas de coiro, xoiaría, cestaría, madeira ou téxtil. O Concello facilita ós produtores e ós artesáns de Viveiro a ocupación dos stands de xeito gratuíto en impulso dos negocios. Ante esta oportunidade económica, moitos destes profesionais xa fixeron a súa reserva.

Coa celebración desta cita, Viveiro súmase ós Concellos da provincia cos que a Deputación colabora na organización de iniciativas que son un pulo para as economías locais. Por exemplo, a Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas do Sil, a Festa da Androlla de Navia de Suarna, a do Berberecho de Foz ou a dos Callos e a Cantería de Guitiriz, que terá lugar a vindeira fin de semana.

Carlos V e Juana la Loca

Os actos do Mercado Renacentista arrancarán mañá co desembarco de Carlos V e de Juana la Loca, este ano representandos por Carlos Nuevo, cronista oficial de Viveiro, e María Loureiro, 2º Tenente de Alcalde. A comitiva partirá nunha barca de remo dende Os Castelos de Covas ata a Ponte da Misericordia, dende onde se dirixirá á Praza Maior de Viveiro. Neste último espazo, Carlos V pronuncirá o pregón para comezar oficialmente coas celebracións.

As rúas de Viveiro serán escenario de numerosas actividades: música, teatro, xogos infantís e ata exhibicións de catapultas ou cetrería. Ademais, haberá unha cea renacentista, que tera lugar o sábado, sendo un dos actos máis populares da festa. Nesta convocatoria, serán máis de 500 persoas ataviadas con traxes de época as que cearán uns no centro de Viveiro e outros nos locais de hostalería participantes. Os interesados en acudir á mesma poderán retirar as súas localidade na oficina de turismo a un prezo de 25 euros para os adultos e 10 para os nenos. O menú inclúe variedade de produtos gastronómicos típicos coma empanada, pulpo, lacón ou queixo.

Exit mobile version