Pilar Álvarez renuncia á súa acta de concelleira na corporación de Cervo
-A edil alegou motivos persoais e laborais para abandonar o seu posto
-O rexedor loou a súa dedicación e o seu traballo ao fronte da Concellería de Xuventude e Igualdade
Cervo, 1 de xuño de 2012-O pleno da corporación celebrado onte tomou en coñecemento a renuncia de Pilar Álvarez á súa acta de concelleira na corporación cervense e ás súas competencias de goberno nas áreas de Xuventude e Igualdade. Na súa renuncia, Pilar Álvarez alegou motivos persoais e laborais para deixar o executivo local e a corporación.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, lamentou a súa marcha e agradeceulle “todo o traballo desenvolvido ao fronte da Concellería de Xuventude e Igualdade e a dilixencia e dedicación coa que exerceu o seu cargo” e dixo respectar a súa decisión de abandonar a corporación, un xesto que para o rexedor demostra unha “grande valentía e sentido da responsabilidade”. O rexedor tamén pediu comprensión ante a decisión de Álvarez xa que “as circunstancias persoais e laborais son cuestións privadas que hai que respectar”. O mandatario cervense tamén quixo desexarlle o mellor na súa traxectoria persoal e laboral “porque así o merece” e lembroulle que “no Concello de Cervo ten a súa segunda familia”.
A renuncia fíxose efectiva tras a toma en coñecemento por parte da corporación. Agora o consistorio tramitará o relevo de Pilar Álvarez na corporación.