Site icon Crónica3.com A Mariña

Espazo Ecosocialista apoia a manifestación contra as fumigacións convocada para este domingo día 10 en Compostela

Espazo Ecosocialista apoia a manifestación contra as fumigacións convocada para este domingo día 10 en Compostela

Espazo Ecosocialista non pode menos que sumar a súa voz ás máis de 40 organizacións sociais que compoñen a Plataforma Fumigacións NON. Opoñémonos radicalmente ao plan de ASPAPEL, a Xunta de Galicia e outras entidades relacionados co sector da madeira para fumigar dende o aire plantacións de eucaliptos co tóxico flufenoxurón, prohibido pola UE e que deixará de comercializarse a partir do 1 de agosto.

Alén da súa probada toxicidade sobre as persoas e outros seres vivos, o maior perigo ven da súa devastadora incidencia sobre as poboacións de abellas, xa de por si nun marcado declive no noso país. A ausencia de abellas afecta directamente os procesos de polinización, vitais para o desenvolvemento das plantas, incluídas as que sustentan a nosa alimentación.

Non é comprensíbel nin aceptábel que se xogue dun xeito tan irresponsable con elementos vitais para a supervivencia do conxunto dos ecosistemas, máis é dunha estulticia sen parangón que sexa a propia administración da Xunta de Galicia a que apoie e defenda un atentado medioambiental deste calibre.

O proxecto de fumigacións aéreas é unha mostra máis das consecuencias dun modelo de xestión forestal sustentado no monocultivo do eucalipto para as grandes celulosas, sen ningún tipo de planificación territorial e estudo de viabilidade ambiental e con consecuencias graves como son a deterioración do chan e de recursos hídricos, facilidade de incendio por seren especies pirófitas, introdución de pragas alóctonas como é o gurgullo do eucalipto (obxectivo desta campaña de fumigación) e perda de biodiversidade.

É imprescindíbel afrontarmos unha reforma radical do uso do monte galego elaborando unha nova planificación do futuro do monte sustentado na máxima participación social, no que se integren todos os axentes sociais e sectoriais incluídos especialistas en ordenación territorial, conservación da biodiversidade e dos recursos hídricos, etc. Unha planificación que integre de maneira efectiva e primordial as funcións ambientais e socias dos espazos forestais, ademais da económica, e sustentado sobre a diversificación nos usos, na produción e na configuración territorial deses espazos.

Só deste xeito poderemos deter as continuas agresións que a avaricia empresarial e a incompetencia e desleixo das administracións exercen sobre o monte.

Exit mobile version