Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz: 50 anos da travesía da ría

FOZ: 50 ANOS DA TRAVESIA A RIA.

1962, ano pródigo en cultura e deporte. O alcalde Beltrán, querendo sacar partida ás augas da ría, pensou na posibilidade de logralo co piragüismo, que podería axeitarse mellor ás condicións naturais da mesma, e con ese fin organizar unha travesía anual á ría. Tivo a intelixencia de involucrar nela a Jacinto Regueira, árbitro internacional de piragüismo, namorado da súa práctica, disposto a realizar canto esforzo e dedicación requirise. Ó longo da vida non coñecimos persoa con tal entusiasmo, tanta ilusión e tanta entrega para lograr o obxetivo. E de verdade que o conseguiu debido en boa medida ó seu prestixio no mundo do piragüismo. De contado a cita acadou sona entre os practicantes do litoral norte e tamen dos clubes fluviais de Galicia e Castela /León, procedencia da meirande parte dos palistas; Declarouse a proba puntuable para o nacional. Jacinto Regueira chegaba a Foz no coche de líña o día anterior, cargando ó lombo con bandeiras, boias, cordas, sinais e demais pertrechos organizativos, e os numerosos trofeos que ocupaban boa parte do seu tempo, pois debía clasificalos e ordenalos para que se correspondera a relación entre a calidade dos mesmos e o posto logrado na competición. A entrega espertaba grande expectación, para o que se instalaba un amplo palco nos xardíns do porto, diante dunha multitude que abarrotaba o muelle da dársena. Regueira, mestre nacional, home con personalidade, puntualidade inglesa, o cronómetro e o regulamento por bandeira, foi presidente das Federacións Galega e Española, diploma do Comité Olímpico Internacional polo seu labor a prol do deporte, dirixiu competicións e cursiños para árbitros en medio mundo. Él foi alma e corpo do acontecemento que tanto nome díu a Foz e que perdura despois de 50 anos, un record. ¿Seremos os focegos quen de comemorar dignamente as meritorias “vodas de ouro”?. O persoeiro singular finou hai algúns anos na Coruña. Entre vellos papeis gardamos a caricatura do debuxante lugués Mouriz, con expresiva dedicatoria do deportista, dando fe da nosa afectuosa relación. Graciñas por todo, Jacinto.

Suso Fernández

Exit mobile version