Site icon Crónica3.com A Mariña

Igualdade destina este ano 665 mil euros a incentivar o emprendemento feminino a través do programa Emega

A SECRETARÍA XERAL DA IGUALDADE DESTINA ESTE ANO 665.000 EUROS A INCENTIVAR O EMPRENDEMENTO FEMININO

 A través do programa Emega, as emprendedoras interesadas, que dispoñen de prazo de solicitude ata o 22 de xuño, poden obter axudas de ata 30.000 euros

 Galicia está entre as cinco comunidades autónomas españolas con máis empresariado feminino, só por detrás de Cataluña, Andalucía, Madrid e a Comunidade Valenciana

Lugo, 14 de xuño de 2012.- As mulleres manteñen de forma máis constante a actividade emprendedora na actual conxuntura de crise e lideran a creación de negocios de xeito que, no conxunto de España, mentres que os homes cotizantes ao Réxime de Traballadores Autónomos, RETA, descenderon nos últimos 5 anos en casi un 2,1%, as mulleres autónomas incrementáronse nun 7%. Esta tendencia sitúa a Galicia entre as cinco comunidades autónomas españolas con máis empresariado feminino, somentes por detrás de Cataluña, Andalucía, Madrid e a Comunidade Valenciana.

Estes datos foron expostos hoxe pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, durante a rolda de prensa celebrada na Delegación da Xunta en Lugo trala presentación do programa Emega ás asociacións de mulleres e de empresarias da provincia, un acto no que tamén participou a delegada territorial, Raquel Arias. Na súa intervención, a secretaria xeral puxo de relevo o carácter estratéxico para a economía de Galicia de “desenvolver políticas públicas que creen as condicións axeitadas e favorezan as iniciativas empresariais lideradas por mulleres” e destacou que, segundo indican informes do Banco Mundial da Muller, as empresas lideradas por mulleres sortean mellor a crise e duran un 30 % máis que as creadas por homes.

O programa Emega de fomento ao emprendemento feminino conta cunha dotación económica para este exercicio de 665.000 euros, que establece axudas estruturadas en catro tipoloxías, denominadas emprende, innova, activa e concilia. A liña emprende está pensada para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino por conta propia e allea; innova para promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que conleven a creación de emprego feminino e activa para favorecer a reactivación e consolidación de empresas mediante a renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade

A liña concilia supón a principal novidade na convocatoria deste ano e está dirixida ás empresas nas que mediante acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización que conleven flexibilidade no uso dos tempos e ás empresas perceptoras das liñas emprende, innova ou activa nas que haxa promotoras con fillos ou fillas menores de tres anos, ao obxecto de favorecer o exercicio profesional coa maternidade en idades temperás.

Contía das axudas

As persoas interesadas dispoñen de prazo ata o 22 de xuño para presentar as súas solicitudes a esta convocatoria de axudas, cuxa contía oscila en función dos postos de traballo creados e a natureza das medidas adoptadas, ata sumar un tope de 30.000 euros por empresa beneficiaria.

O programa Emega fixo posible a creación de 2.714 novos proxectos empresariais liderados por mulleres, desde a súa posta en marcha no ano 1996. Na convocatoria máis recente, a de 2011, o Emega subvencionou 82 proxectos, deles 38 na provincia de Pontevedra, 29 na de Coruña, 12 na de Ourense e 3 na de Lugo.

O perfil das emprendedoras

Na presentación do Emega en Lugo, Susana López Abella describíu o perfil das emprendedoras en Galicia, poñendo énfase no seu nivel de formación, xa que case a metade ten estudos universitarios e é habitual que teñan formación específica para emprender. Amais, as mulleres amosan unha mellor disposición a percibir oportunidades para emprender, cun 38% sobre o 26% para os varóns e unha maior confianza nas súas capacidades, nunha porcentaxe do 91% fronte ao 86% dos homes. Tamén teñen maiores expectativas de creación de emprego e un menor temor ao fracaso, un 20% fronte ao 31% dos homes.

Exit mobile version