Site icon Crónica3.com A Mariña

Inescusable, ineludibe e outras cousas

INESCUSABLE, INELUDIBLE E OUTRAS COUSAS.

Cando un gobernante actual xoga a “Apalabrados” e aparécelle unha I, ilumínaselle a cara. Hai millóns de exemplos, pero tomemos por exemplo o decreto de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, coñecido coloquialmente como decreto de disolución da universidade.

Empeza co inescusable obxectivo de estabilidade orzamentaria. Inescusable. Ese adxectivo que nos devolve á infancia e aos deberes de matemáticas. – É que me deixei o caderno en casa . – Non me veñas con escusas, Alfonso.

Segue cos obxectivos irrenunciables de calidade e eficiencia. Irrenunciable. E todos aprendemos que onde di eficiencia debe dicir en realidade uns cantos miles de traballadores públicos de patiñas na rúa, ou unha redución dos recursos que lles quedan aos sobreviventes para xestionar o seu traballo e o que deixan de facer os que se van.

E acaba cunha ineludible contención do gasto público. Ineludible, isto é, que non o podemos eludir. Todo nesta vida ten solución, excepto a morte e a contención do gasto público, que é ineludible.

Se repasan os BOE destes últimos meses, verán que están cheos de ies: inaprazable, improrrogable, innegociable, inescusable, imperdoable, ineludible, inaceptable, indiscutible, irrenunciable… Por iso, Merkel avisa a Hollande que as medidas de austeridade son innegociables. E por iso o President da Xunta utiliza sempre a expresión “Non hai outro camiño”.

A morte do debate

O problema non é que nos abocamos a un programa de austeridade extrema en plena crise, co que probablemente taponamos a saída á crise. Talvez non. O principal problema é que se escribiu un relato falso, porque nega calquera alternativa, calquera plan B. Nega ata o debate. Ou a discrepancia.

Cando un obxectivo é ineludible, quere dicir en primeiro lugar que non imos perder o tempo en explicalo. Como os pais que responden aos seus fillos “porque si” ou “porque o digo eu”, o que é ineludible non necesita ser razoado. Isto é así e non me fagas perder o tempo explicando por que. Ou sinmplemente, como. Ou, aínda mellor, cando.

Cando un obxectivo é ineludible, quere dicir ademais que non estamos dispostos a dubidar, nin a cuestionarnos o fin ou os medios. Como é ineludible, aperto o acelerador e non me pregunto se se acabou de construír a ponte. A dúbida é moi útil porque incorpora matices, medos, riscos, notas ao pé de páxina…, que permiten substituír a simplicidad infantil pola complexidade da vida mesma.

E finalmente, cando un obxectivo é ineludible, non se permite pensar en plans alternativos, en plans B, que axuden a mostrar un catálogo de respostas posibles moito máis amplo. Case sempre hai varias solucións para un problema, o que non quere dicir que todas sexan válidas. Pensar en opcións axuda ademais a corresponsabilizarnos das decisións, a facernos partícipes do acordado para bo ou para o malo.

En definitiva, encher os decretos e os discursos de íes é unha forma silenciosa de acalar o debate e, en boa medida, iso que chamamos democracia. Ineludiblemente.

OTERO REGAL

Exit mobile version