Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural adica máis de 260 mil euros a mantemento de vías e cortalumes en montes da Mariña para previr incendios

A XUNTA INVISTE MÁIS DE 260.000 EUROS NA LIMPEZA E ADECUACIÓN DE VÍAS E CORTALUMES DOS MONTES DA COMARCA DA MARIÑA CARA Á PREVENCIÓN DE INCENDIOS DURANTE A TEMPADA DE VERÁN

 A delegada territorial, Raquel Arias, destaca a importancia destas tarefas que promove a Consellería do Medio Rural e do Mar para “evitar os lumes, que comportan un risco medioambiental, social e económico para o noso medio natural”

 O departamento autonómico achega máis de 180.000 euros aos concellos, que xa están a iniciar as actuacións preventivas nas superficies forestais de titularidade municipal

 Esta mesma semana comezan tamén os traballos que xestiona directamente o Servizo de Defensa contra Incendios na zona, e que supoñen un investimento de preto de 80.000 euros

Lugo, 13 de xuño de 2012.- A Consellería do Medio Rural e do Mar inviste máis de 260.000 euros (260.544,02 euros) en traballos de limpeza e adecuación de vías e cortalumes nos montes da comarca da Mariña, correspondente co distrito forestal do mesmo nome. Estas tarefas están encamiñadas a optimizar o estado destas dotacións de cara a evitar a propagación dos lumes durante a tempada de verán ou, de ser o caso, facilitar o acceso dos medios de extinción.

Así o indicou hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, que fixo fincapé na importancia que teñen estes traballos para “reducir o número de incendios e, en todo caso, controlar a súa propagación, evitando os lumes ou atenuando os seus efectos”.

Arias sinalou o esforzo inversor que realiza o Executivo autonómico, a través da Consellería de Medio Rural e do Mar nesta materia, e incidiu na necesidade de acometer a política de defensa contra o lume “dende unha perspectiva global, contando co concurso de todas as administracións e das comunidades de montes ou propietarios particulares”.

A representante do Executivo galego na provincia explicou que os incendios forestais supoñen “un lastre” para Galicia, “non só polo desastre medioambiental, senón porque poñen en risco o desenvolvemento rural e comprometen un dos nosos recursos naturais máis prezados”. En suma, apuntou “conducen á ruína medioambiental, social e económica dos nosos bosques”.

No marco da cooperación cos distintos axentes vencellados ao monte, a máxina representante do Executivo autonómico en Lugo recordou que a Xunta convoca subvencións para os propietarios de montes e desenvolve programas como o que nestes días executan os concellos para a realización de traballos preventivos en vías e camiños forestais da súa titularidade.

Así, a consellería subvenciona con 180.700 euros aos 14 concellos englobados no distrito forestal da Mariña para que acometan actuacións preventivas en vías, camiños e outras superficies forestais de titularidade municipal.

Os municipios beneficiados son os de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Está previsto que as labores de limpeza e adecuación subvencionadas afecten a un total de 1.390 hectáreas.

Un dos concellos que maior superficie tratará será o de Viveiro, que actuará sobre 148 hectáreas de monte, unha área similar á que certificaron o pasado exercicio, e recibirá unha axuda da Xunta de 19.240 euros. En xeral, os convenios manteñen a superficie e investimentos do pasado ano.

Ao mesmo tempo, esta mesma semana darán comezo os traballos xestionados directamente polo Servizo de Defensa contra Incendios da Xunta, que comprenden todas as infraestruturas de protección do monte –principalmente accesos e cortalumes- situados nos montes, independentemente da súa titularidade. Neste distrito forestal o investimento roldará os 80.000 euros (79.844,02).

Exit mobile version