Site icon Crónica3.com A Mariña

No aniversario do trunfo do bipartito a necesidade de cambio segue a ser central na defensa de Galicia e do Ben Común

Hoxe 19 de xuño cúmprense sete anos das eleccións que impulsaron un cambio na Xunta de Galicia descoñecido ata o momento.

Espazo Ecosocialista quere lembrar esta data pois, a pesar de ser unha vitoria mínima, demostrou que o cambio político era posible e a pesar das luces e as sombras do goberno que saíu daquela votación amosou que se podía levar adiante políticas de progreso cada vez máis necesarias.

Hai 7 anos as galegas e galegos votamos a favor dun cambio.

O tripartito conformado por PSdG-BNG-CIDADANÍA naufragou no momento que se converteu nun bipartito conformado exclusivamente por PSdG-BNG.

As críticas que un sector da poboación favorable ao cambio fixo a algunhas das políticas do bipartito foron interpretadas como un ataque en lugar como unha necesaria interpelación da cidadanía que con movementos coma Nunca Máis, Non á Guerra ou Hai que Botalos! Foran decisivos no cambio de rumbo tras longos anos de políticas conservadoras.

O 15M puxo enriba da mesa, uns anos despois, a desafección dunha boa parte da poboación pola forma de facer política e polos partidos entendidos como clubs privados dos seus afiliados/as.

Sete anos despois os partidos clásicos da oposición teñen amosado a incapacidade para xerar unha alternativa ilusiónante e crible.

Os EcoGaleguista se preguntan o que hoxe fai unha boa parte da poboación deste país: Seriamos capaces hoxe de construír un novo tripartito?; Consolidarase unha nova forza galega, transversal e cun programa de radicalidade democrática, sustentabilidade ecolóxica e defensa do ben común que introduza o valor engadido necesario que hoxe non teñen as ‘vellas’ forzas do bipartito ?

Espazo Ecosocialista desde a súa participación no proxecto Compromiso X Galicia pensa que si, que é posible construír esa nova forza.

Cre que ademais faise necesario que Compromiso X Galicia e a forza que xurda do proceso do NPC converxan nunha necesaria alianza electoral que sitúe a Galicia e as súas xentes enriba doutros intereses particulares ou corporativos e se sitúe como unha forza de rexeneración e radicalidade democrática que aposte por novas formas de facer política: apertura social, primarias, listas desbloqueadas, limitacións de mandatos, control da corrupción,…

Unha nova oferta política e electoral que necesariamente pasa pola máxima unidade e fortaleza da esquerda renovadora hoxe dividida.

http://www.ecogaleguistas.org/index.php?option=com_content&view=article&id=106:no-aniversario-do-trunfo-do-bipartito-a-necesidade-de-cambio-segue-a-ser-central-na-defensa-de-galicia-e-do-ben-comun&catid=9&Itemid=435

Exit mobile version