Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG cualifica o ano de goberno do PP como un ano perdido para Foz

O BNG DE FOZ CUALIFICA O ANO DE GOBERNO DO PP NO CONCELLO COMO UN ANO PERDIDO PARA FOZ

“Co PP, Foz ten menos persoas con traballo, menos servizos sociais, máis propaganda e máis endebedamento”

Foz a 19 de xuño de 2012.- O BNG de Foz cualifica o ano de goberno do PP no concello como un ano perdido. Desde xuño de 2011 ata hoxe a política municipal segue a ser errática nas decisións, prepotente e irregular nas actuacións, fundamentada exclusivamente na propaganda e impasible diante dos verdadeiros problemas do pobo.

En primeiro lugar, o PP non fixo nada por dotar a Foz de servizos sociais básicos. Estamos a falar da Residencia e do Centro de Día ou da necesaria ampliación da escola infantil, solicitudes reiteradas polo BNG e o Concello á Xunta. O único que presentou a Xunta e o alcalde é un vergoñento estudo de viabilidade que como se demostra só era para ter enganados aos veciños pero nin un só euro para a súa construción. “Mentres o PP inaugura centros de día e residencias e promete escolas infantís novas en poboacións próximas de menos identidade, Foz queda sen elas. O único que sabe vender o PP son estudos e máis estudos pero nada de realidades concretas. É un insulto aos focegos”, asegura Basanta. A asistencia social veuse empeorada tamén desde que goberna o PP na Xunta pola drástica redución das achegas aos servizos sociais como á axuda no fogar que no último ano pasou a ter case 200.000 euros menos en que o alcalde fixera a mínima protesta ou crítica.

Tampouco se avanzou nada co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado inicialmente xa desde o 2007 e que desde aquela quedou paralizado tanto polo anterior goberno como por este. “Parece que antes para o PSOE e agora para o PP non interesa sacar o Plan adiante cando é unha peza fundamental para o futuro de Foz. A actual desfeita urbanística vaise agravando a medida que pasa o tempo e o Plan estea sen aprobar”. Particularmente grave dentro dos problemas urbanísticos e de infraestruturas sen solucionar é o problema do saneamento de Foz pois séguese vertendo as augas residuais sen depurar directamente ao mar coa permisividade da Xunta e sen embargo aproban unha taxa de depuración –coa inestimable voto do PSOE- que van a pagar todos e todas os veciños de Foz sen ter un servizo adecuado.

Desde o punto de vista económico as cifras indican que o concello segue endebedándose porque gasta máis do que ten e non aplica ningún tipo de medida para reducir o gasto corrente nin para ingresar máis e mellor (por exemplo aplicando a vía executiva para recadar as débedas pendentes que representan máis de 2 millóns de euros). Hai que recordar que as débedas presentadas polo Concello ascenderon a 1.233.365 € ao “Ao PP correspóndelle -como mínimo- a metade desta débeda pois gobernan desde xuño do ano pasado” afirma Basanta. A isto hai que sumarlle as obrigas pendentes do ano 2011 que son de 490.989 €, é dicir, cartos fóra de contabilidade pero que hai que pagar igual. A maiores o goberno do PP acaba de aprobar uns orzamentos –cos votos do PSOE- que son máis do mesmo, que van a seguir endebedando ao Concello de Foz e que non resolven os verdadeiros problemas dos veciños e das veciñas (servizos sociais, emprego, saneamento, etc.).

O goberno municipal durante este ano ao fronte do Concello seguiu cometendo as mesmas irregularidades e ilegalidades que o goberno anterior. Irregularidades e ilegalidades como gastar máis do que orzamenta, pagar facturas sen seguir a orde de prelación legal ou contratar obras e servizos sen previsión de gastos e sen sacar a concurso público ditas contratacións ( é dicir, que antes traballaban sempre as mesmas empresas e agora traballan outras). Da mesma maneira non se legalizaron os pasos elevados de peóns. “Non se entende que nun concello se salte a lei continuamente e non pase nada” declara Basanta. Dentro desta política de “amiguismo” e despilfarro o goberno municipal non ten reparo en contratar empresas externas ao concello para realizar obras que podían perfectamente facer os traballadores municipais co aforro de gasto que suporía, como por exemplo, os contratos de xardinería ou de pintado e limpeza de vías públicas que lle supuxeron as arcas municipais cerca dos 100.000 euros.

O funcionamento diario do concello ten cada vez máis desorganización e descoordinación cunha redución sen explicación de servizos cara ao público como por exemplo a oficina de turismo que non cumpre cos horarios. Así mesmo, non se contestan as peticións dos veciños, tardase en reparar a maquinaria municipal máis de 6 meses, hai un abandono na limpeza do concello xeneralizada, etc …

En definitiva, para o BNG o balance despois dun ano de goberno popular non pode ser máis negativo pero non nos estraña dun partido como o PP que basea todo na propaganda e en beneficiar a uns poucos ás costas da maioría social que é que finalmente “paga a conta”.

Exit mobile version