Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo faise eco da satisfacción dos veciños co programa “todos a xogar”

As asociacións de Cervo satisfeitas co programa “Todos a Xogar” interesadas en repetir a experiencia o ano próximo.

Mais de 50 persoas de tódalas idades participaron nos programas promovidos pola Vicepresidencia Primeira da Deputación e a Fundación Balogal en Cervo.

A AA.VV de Vilaestrofe, As Espalladoras e a ANPA do colexio de Cervo levaron a ximnasia de mantemento e os obradoiros deportivos a maiores e nenos durante os últimos meses.

Cervo, 6 de xuño de 2011. Xoán Antón Estúa García, membro do gabinete do BNG na Deputación e concelleiro nacionalista en Cervo xunto co Responsábel Local da organización, Ramón Luís Bernardo Insua, comprobaron “in situ” o éxito das actividades deportivas e de ximnasia de mantemento promovidas pola Vicepresidencia Primeira da Deputación e a Fundación Balogal dentro do Programa “Todos a Xogar” que se desenvolveron durante os últimos meses en Cervo organizadas polas asociacións: AA.VV de Vilaestrofe, As Espalladoras e a ANPA do Ceip de Cervo nas que participaron mais de 50 persoas, tanto nenos e nenas como maiores. Os nacionalistas explicaron que estas tres asociacións forman parte das 39 entidades e varios centos de persoas da Mariña que participaron no programa que foi prorrogado no mes de marzo e está a piques de rematar.

As entidades de Cervo están dispostas a repetir a experiencia no próximo ano.

Na visita, Xoán Antón Estúa e Luís Bernardo Insua recibiron o interese da directiva da Asociación de Veciños de Vilaestrofe para solicitar o desenvolvemento destas actividades no próximo ano polos beneficios “sociais e deportivos que aporta” e que permitiron durante este curso a práctica de ximnasia de mantemento na súa propia parroquia con monitores dispostos pola Vicepresidencia Primeira da Deputación e a Fundación Balogal. No caso da AA.VV de Vilaestrofe desenvolvense as actividades dentro do programa “non te retires, volta a xogar” nas Antigas Escolas de Vilaestrofe e participaron asiduamente case vinte persoas adultas.

No caso de Cervo participaron outras dúas entidades, unha con actividades para persoas adultas e outra para nenos e nenas do Ceip de Cervo

A asociación As Espalladoras, ao igual que a AA.VV. Vilaestrofe, tamén organizou actividades dentro do programa “non te retires, volta a xogar” deseñada para as persoas maiores con exercizos enfocados a mellorar a súa calidade de vida, nesta actividade participaron unha media de 25 persoas adultas na mesma escola de Vilaestrofe. A ANPA do Ceip de Cervo permitiu a participación de nenos e nenas co programa “Obradoiro Deportivo” deseñado para a franxa de ensino primario e enfocada á actividade física con compoñentes lúdicos co fin de mellorar as capacidades físicas básicas nesta franxa de idade.

Para os nacionalistas o éxito do programa radica na súa transversalidade e no achegamento á parroquias e concellos menos poboados actividades que permiten tanto a relación social como a actividade física.

Xoán Antón Estúa afirmou que a Vicepresidencia Primeira da Deputación “acertou de cheo con este proxecto” no que participaron 135 entidades de toda a provincia, con 33 entidades participantes no programa “Eu tamén xogo no Breo” para persoas con algún tipo de discapacidade, 58 entidades no programa “non te retires, volta a xogar” deseñado para persoas maiores con actividades xerontolóxicas e ximnasia de baixa intensidade e por último 44 entidades no programa “obradoiro deportivo” , boa parte delas ANPAS e centros de ensino.

Exit mobile version