Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG defende en Ribadeo a creación dunha banca pública galega

O BNG DEFENDE EN RIBADEO A CREACIÓN DUNHA BANCA PÚBLICA GALEGA

Xoan Estúa afirma que “a Banca Pública Galega é a única alternativa para que non rouben o aforro

das galegas e dos galegos”

O BNG defende que non é de recibo que se cebe á Banca con diñeiro de todos cando é a mesma Banca quen crea desemprego a milleiros de lucenses negando o crédito a empresas e autónomos

Ribadeo, 6 de xuño de 2012. Esta mañá, no mercado de Ribadeo, o BNG lanzou á rúa a súa aposta pola creación dunha Banca Pública Galega como “única única alternativa para que non rouben o aforro das galegas e dos galegos”, afirmou Xoan Estúa, vice-responsábel comarcal do BNG da Mariña durante o reparto de información no que participou o alcalde nacionalista de Ribadeo, Fernando Suárez, e participaron tamén militantes e cargos orgánicos e institucionais do BNG da Mariña nesta iniciativa da formación nacionalista para espallar as súas alternativas en materia económica.

Xoan Estúa, vice-responsábel comarcal do BNG da Mariña, afirmou que “estamos ante unha clara necesidade de dotar a Galiza dunha Banca Pública, o único instrumento que pode garantir que o crédito chegue a familias autónomos e PEMES. O grande problema que hoxe enfrontan milleiros de galegos e galegas é a falta de liquidez como consecuencia do feche da billa do crédito por parte da banca privada. Isto está a provocar, por unha banda, a caída do consumo coas súas repercusións na demanda agregada e os efectos que está a ter na diminución da actividade económica e, por outra banda, deixar sen crédito a negocios e PEMES significa que iniciativas económicas que son rendíbeis poidan desaparecer como consecuencia da ausencia de liquidez”.

O vice-responsábel comarcal criticou a actual situación financeira no noso país e no Estado xa que “a nacionalización de Bankia é a maior estafa económica da historia moderna do Estado, na que o PP vai enterrar 23.500 millóns de euros (4 billóns de pesetas) en sanear as perdas de Bankia cun diñeiro nunca será recuperado polas contribuíntes e os contribuíntes, porque cando Bankia estea limpa será vendida a prezo de saldo a un grande banco privado: en definitiva, un negocio ruinoso para as cidadáns e os cidadás e moi suculento para o capital financeiro, pero especialmente ruinoso para Galiza se, como pretende o PP, Bankia acaba absorbendo a Novagaliciabanco. Unha vez máis vemos como as políticas fracasadas do PP lévannos ao desastre social e económico: a prima de risco alcanzou hoxe os 520 pontos; o Estado gasta 1 de cada 5 euros en pagar os xuros da débeda…. Isto é o produto de políticas que, xa practicadas no seu día polo PSOE, agora radicaliza o PP desde o Goberno porque son unhas políticas que só interesan aos bancos que especulan coa débeda pública e, neste sentido, é onde o BNG cre necesario e urxente un cambio de rumbo e por iso saímos á rúa para trasladarlle á xente as nosas propostas, porque é a xente da rúa quen sofre as negativas a acceder a un crédito, os pequenos empresarios e autónomos”.

Pola súa banda, Fernando Suárez, alcalde nacionalista de Ribadeo, definiu as alternativas que o BNG pon enriba da mesa “que xa vimos demandando desde que estourou a crise, como a creación da Banca Pública Galega, acompañada dunha revisión a fondo do papel do Banco Central Europeu, para que sexa un prestamista dos Estados e non dos bancos”. Outra medida que o BNG reclama desde hai tempo é “unha reforma fiscal Integral e Progresiva, para as grandes fortunas se corresponsabilizaren coa saída da crise, porque tanto co PSOE antes como agora co PP, as grandes fortunas non aportan o que deben á Facenda, e ao non facelo, o Estado vese obrigado a recorrer á débeda para se financiar, pois as rendas medias e baixas xa non poden aturar unha presión fiscal máis alta”. A burbulla da débeda ten a súa orixe precisamente na baixísima presión fiscal que suportan as rendas altas e moi altas -os ricos, en definitiva- no Estado español. Polo tanto, urximos un novo sistema de financiamento que permita ao Goberno galego atender as necesidades dos sectores produtivos do País, sen os cais é imposíbel criar emprego e reforzar os servizos públicos universais -sanidade e educación-, fundamentais para protexer aos sectores sociais máis castigados pola crise e tamén para servir como alicerces do novo modelo produtivo, imprescindíbel para superarmos a crise, como estamos a realizar, sen dúbida, coa acción de goberno alí onde o BNG ten responsabilidades diante da cidadanía.

Exit mobile version