Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demanda que a Xunta garanta a viabilidade de Alcoa na Mariña

O BNG DEMANDA QUE A XUNTA GARANTA A VIABILIDADE DE ALCOA NA MARIÑA

Outeiro alertou da “situación límite” pola dependencia en Lugo de Alcoa, “até o punto de que representa máis do 35 % do PIB da provincia e ocupa a 2000 persoas de xeito directo”

Mario Outeiro explicou que xa existen diversos marcos tarifarios especiais no marco do Estado español polo que Galiza podería recoller dunha tarifa máis baixa tendo en conta que é excedentaria de enerxía

O portavoz do BNG tamén esixiu “prazos firmes para o gasoduto da Mariña, o que permitiría a Alcoa aforrar custes enerxéticos ao substituír o fuel-oil por gas natural”

Lugo, 14 de xuño de 2012. O portavoz do BNG na Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, explicou esta mañá que o BNG esixe á Xunta que garanta “a viabilidade da factoría de Alcoa na Mariña mantendo o volume de traballo actual, posto que se ve perigar unha baixada da produción de aumentarlle os custes da enerxía eléctrica que consome, xa que os custes enerxéticos de Alcoa cífranse nun 35 ou 40% da produción, e este ano remata o contrato de subministro eléctrico que esta empresa mantén coa empresa comercializadora. Alcoa está afectada negativamente polas modificacións no réxime da tarifa eléctrica que se aprobaron no Estado, e a fin de ano vence o actual contrato co subministrador eléctrico”.

Segundo explicou Mario Outeiro, para Alcoa, “dentro dos custes enerxéticos é fundamental ter unha tarifa eléctrica baixa e un contrato de subministro a longo prazo. Non obstante, na Orde IET/3586/2011, de 30 de decembro, pola que se estabelecen as peaxes de acceso a partir do 1 de xaneiro de 2012 e as tarifas e primas das instalacións de réxime especial, xa prevía no seu artigo 4, para este servizo de interrumpibilidade unha partida de 516,4 millóns de euros; mais esa partida foi diminuída até un máximo de 505 millóns de euros (un encarecemento do 10%), logo da aprobación do Real Decreto-Lei 12/2012 de 30 de marzo. Ademais, o ministro de Industria expresou a intención de modificar o marco retributivo do sistema eléctrico por dúas vías: encarecendo tarifas e baixando o límite para as tarifas de último recurso e, outra, limitando os custes do sistema (peaxes de acceso), o que produce unha incerteza para negociar un novo contrato eléctrico a longo prazo e con prezos baixos como Alcoa necesita.

Por esta razón, afirmou Mario Outeiro, “o goberno de España ten que poñer enriba da mesa a posibilidade dunha modificación lexislativa sobre o sector eléctrico que teña en conta estas premisas para que se puidese beneficiar unha empresa tan vital para Lugo como Alcoa, xa que ademais a posibilidade de que Galiza teña unha tarifa eléctrica máis baixa é algo real e posible, por ser un país con excedentes de produción e que soporta os custes sociais e medioambientais, cando por exemplo, o propio sistema eléctrico mantén solidariamente o sistema extrapeninsular (Ceuta, Melilla, e as illas) nun custe estimado para este ano duns 1.8000 millóns de euros”.

Por outra parte, o portavoz do grupo provincial do BNG esixiu tamén á Xunta de Galiza “que propoña un plan concreto e prazos firmes para a implantación do gasoduto da Mariña, o que permitiría tamén a Alcoa reducir os custes enerxéticos ao substituír o fuel-oil por gas natural, o que ademais sería positivo medioambientalmente”.

Exit mobile version