Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG interesase no Parlamento polo futuro de Alcoa e as empresas auxiliares

Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa dos seus deputados Fernando Branco Parga, Henrique Viéitez Alonso, Manuel Parga Núñez e Carlos Aymerich Cano e da súa deputada Ana Luisa Bouza Santiago, ao abeiro do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Pleno.

A multinacional Alcoa, que ten na actualidade seis centros de produción no Estado e unha oficina central en Madrid, pero só tres deles producen aluminio primario (San Cibrao, A Coruña e Avilés), anunciou recentemente a súa intención de reducir un 5% a súa produción total nas plantas que ten en Europa; destas, e de momento, están afectados os centros de produción de A Coruña e Avilés (onde está en vigor un Ere) e outro situado en Italia.

Porén, a incerteza sobre a normal actividade dos centros galegos (San Cibrao e A Coruña), teñen a ver cos custes enerxéticos, pois estes supoñen entre o 35 e o 40% da produción de Alcoa en Galiza e neste ano remata o contrato de subministro eléctrico que esta empresa mantén cunha comercializadora.

Dentro dos custes enerxéticos é fundamental ter unha tarifa eléctrica baixa e un contrato de subministro a longo prazo; neste senso, temos que lembrar o negativo efecto que tivo a desaparición da tarifa G-4 en xuño de 2009, que levou a estas factorías a acollerse ao servizo de interrumpibilidade.

Porén, na Orde IET/3586/2011, de 30 de decembro, pola que se establecen as peaxes de acceso a partir do 1 de xaneiro de 2012 e as tarifas e primas das instalacións de réxime especial, prevía no seu artigo 4, para este servizo de interrumpibilidade unha partida de 561,4 millóns de euros; mais esta partida foi minorada até un máximo de 505 millóns de euros (un encarecemento do 10%), logo da aprobación do Real Decreto-Lei 13/2012, de 30 de marzo.

Asemade, en declaracións públicas do Ministro de Industria, Turismo e Comercio, sr. Soria, hai a previsión de modificar proximamente o actual marco retributivo do sistema eléctrica por dúas vías, unha encarecendo tarifas e baixando o límite para as tarifas de último recurso e, outra, limitando os custes do sistema (as peaxes de acceso), nesta anunciada modificación produce, cando menos, incerteza para poder negociar un novo contrato eléctrico a longo prazo e con prezos baixos como Alcoa necesita.

No entanto, mais unha vez, nin nas modificacións lexislativas sobre o sector eléctrico nin nas declaracións do actual Ministro, recóllese a posibilidade de dotar de tarifas eléctricas máis baixas ás comunidades autónomas con excedentes de produción (caso de Galiza) e que para iso soportan os custes sociais e medio-ambientais, cando o propio sistema eléctrico mantén solidariamente o sistema extrapeninsular, nun custe estimado para este ano duns 1.800 millóns de euros.

Mais tamén, ademais das tarifas eléctricas, as factorías galegas de Alcoa, en concreto na Mariña, poderían minorar os custe enerxéticos de teren acceso a gas natural para poder substituír o fuel-oil, que ademais sería positivo medio-ambientalmente, porén o gasoduto que a Xunta de Galiza anunciou que, por estas datas estaría en construción, está actualmente paralizado.

As medidas de apoio a este sector industrial, que poden tomar os Gobernos Central e da Xunta sobre a tarifa eléctrica e o gasoduto, deben ir necesariamente acompañadas dun compromiso da empresa Alcoa de mantemento de emprego e das condicións socio-laborais, tanto na empresa principal como nas auxiliares, abandonando a actual política de precarización nas relacións laborais.

Por este motivo, o Grupo Parlamentar do BNG formula a seguinte Proposición non de lei:

O Parlamento Galego insta a Xunta de Galiza a:

1. Demandar do Goberno do Estado unha tarifa eléctrica para a grande industria de Galiza, a prezo reducido e con contratos de longa duración, que permita a viabilidade de Alcoa, tanto en San Cibrao como en A Coruña.

2. Presentar un plan concreto e con datas precisas de implantación do gasoduto da Mariña, que permita o consumo de gas natural na empresa Alcoa.

3. Requirir á empresa Alcoa o mantemento do emprego e das condicións socio-laborais do cadro de persoal, tanto da empresa principal como das auxiliares.

Exit mobile version