MANUEL PARGA INSTA Á XUNTA A QUE RECTIFIQUE E VOLVA DOTAR Á MARIÑA DUNHA EMBARCACIÓN DE VIXÍANZA PESQUEIRA
O deputado nacionalista advirte de que é o sector o que está tendo que asumir os labores de loita contra o furtivismo, que aumenta de forma alarmante como consecuencia da crise
Santiago de Compostela, 22 Xuño 2012.- O deputado do GP do BNG Manuel Parga emprazou hoxe á consellería de Medio Rural e Mar a que rectifique e dote de novo á Mariña dunha embarcación de vixíanza pesqueira.
Manuel Parga denunciou, a través dunha pregunta parlamentar, a decisión adoptada hai xa máis dun ano polo goberno da Xunta de suprimir a embarcación Punta Roncadoira, con base no porto de Celeiro e cunhas características que lle permitía realizar traballos nun amplo radio de acción.
Tratabase dunha embarcación moi importante para a comarca, que podía servir non só para a inspeción pesqueira senón tamén para realizar tarefas de loita contra a contaminación mariña e de salvamento.
Para o deputado nacionalista, a decisión adoptada polo executivo de Feijóo é un “retrato perfecto” das contradicións nas políticas do PP, en función de se son goberno ou son oposición.
Neste sentido, lembrou como o deputado popular pola Mariña José Manuel Balseiro chegou a acusar á anterior consellería de Pesca de ser “cómplice do furtivismo” porque a embarcación de vixianza só tiña un tripulante e non estaba dispoñible as 24 horas os 365 días do ano.
“Mais que di agora, alén da propaganda e o autobombo, cando xa non hai nin embarcación?. Esta situación si é de complicidade pero coa desproteción da comarca e do seu sector do mar, co seu deterioro. É este o grande compromiso da Xunta cos mariñeiros e mariscadores e mariscadoras da Mariña?, preguntou Parga.
Incremento do furtivismo
O parlamentar nacionalista advertiu de que a falla dunha embarcación de vixianza ten consecuencias aínda máis graves en momentos de crise como o actual, no que se recrudecen os episodios de furtivismo, e alertou de que teñen que ser as propias mariscadoras as que asuman as tarefas de vixianza.
Parga explicou que o sector está facendo un grande esforzo para loitar contra o furtivismo e poder defender así o seu traballo e puxo algún exemplo, recollido polos medios de comunicación, do pasado mes de Abril, como o das denuncias das mariscadoras de Ribadeo que viron como os furtivos levaron toda a ameixa fina.
Para o deputado nacionalista, cómpre unha rectificación urxente por parte da consellería porque o sector do mar é un dos máis importantes na comarca, que xa está sendo moi castigada pola crise, cun incremento do paro en tres anos de case o 50 por cento, “e non nos podemos permitir perder tamén o traballo da pesca e o marisqueo por falta de vixíanza”.