Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS camiño á perfección por partida dobre

O Burela FS camiño á perfección por partida dobre


Prepárase unha fin de semana digna de culto para os amantes do deporte e do fútbol sala laranxa. As horas pasan e cada vez está máis preto ese destino do camiño á perfección, por partida dobre, que emprendeu o Burela FS Pescados Rubén a comezos de tempada, no seu décimo aniversario, cheo de soños e esperanzas. No horizonte laranxa da Primeira División Feminina sitúase a XVIII Copa de España (Valladolid, 8-10 de xuño) e á Segunda Masculina agárdaa o anhelado ascenso.

As pupilas de Javier Pardeiro xa están en terras castelás co firme propósito de coroarse no Pilar Fernández Valderrama. Comezarán mañá, en cuartos, cun dos duelos máis equilibrados, ante o Cajasur Córdoba (12.30 horas), tras unha liga moi igualada. “Chegamos nun excelente estado e moi contentas de rematar a liga no podio e de facer unha segunda volta brillante. Queremos poñer o broche de ouro para completar unha tempada histórica” confesou o adestrador burelista, que destacou a entidade do rival: “Creo que a eliminatoria estará ao 50%, como aconteceu na liga, e se decidirá por pequenos detalles. Se superamos o primeiro envite podemos facer grandes cousas”. En semifinais, o Burela FS podería enfrontarse ao gañador do Navalcarnero-Valladolid, o sábado (19.30 horas). A final decidirase o domingo, ás 12.00 horas.

Claudia encarará a Copa arrastrando molestias musculares.

A xesta do ascenso á Primeira División depositará toda a confianza o sábado na pista do Sala 5 Martorell (18.00 horas), acompañada por máis de medio centenar de afeccionados/as burelistas. O cadro de Julio Delgado partirá esta noite coa vantaxe de Vista Alegre outorgada polos penaltis (2-2) e pensando unicamente en sentenciar a eliminatoria o sábado: “Sabemos que temos dúas oportunidades de ascender, pero entre as nosas expectativas en principio só se contempla a primeira cita. Será un encontro moi disputado, coma o de Burela; o rival dános o cartel de favoritos para eliminar a súa presión, pero é o Martorell o que está ansioso apostando todo a unha carta e xogaremos con iso” explicou o técnico laranxa, que tamén asegurou “no caso de que haxa que recorrer ao domingo (20.30 horas), teremos tempo de pensalo despois; estamos preparados mental e fisicamente”.

O meta burelao Brais non poderá intervir; entrará na convocatoria Javi Fajardo e tamén viaxarán os xuvenís Keko e Aarón. Nas filas barcelonesas, repetirá ausencia, para toda a eliminatoria, o peche Julio López, por sanción.

Pase o que pase estamos orgullos@s de ser LARANXAS! Chegando ata aquí os xogadores e xogadoras burelistas xa escribiron con éxito os 10 anos de vida do club nunha tempada que oxalá se poida clausurar tocando a perfección.

Exit mobile version