A POLO PODIO E A COPA
O Burela Pescados Rubén pecha a competición ligueira en Vista Alegre ante o Universidade de Alicante, a cita festiva é o sábado ás 18.00 horas. Horario unificado establecido pola Real Federación Española de Fútbol para as dúas últimas xornadas de Primeira División Feminina.
O conxunto dirixido por Javier Pardeiro afronta este duelo cun dobre obxetivo, a terceira praza e chegar á Copa de Valladolid nunha dinámica gañadora. Unha vitoria ante as alacantinas suporía selar a mellor clasificación do Burela Pescados Rubén na Primeira División. Pola súa banda, o Alicante chega a Burela co sabor amargo de non superar o corte que outorga a presenza na Copa de España.
A pesar de ser un recén ascendido, o equipo levantino era un claro candidato a estar presente en terras valisoletanas, xa que foi un dos conxuntos máis reforzados coas incorporacións de Sonia Bernal, Sofía Vieira, Txitxo,… Sen un obxectivo claro e con numerosas baixas para o duelo en Vista Alegre, as pupilas de Carlos Navarro intentarán pechar a tempada cunha meta moi complicada, sorprender a un Burela en disposición de asinar a súa mellor clasificación ligueira.