Site icon Crónica3.com A Mariña

O comercio ribadense abrirá ata as 11,30 da noite o día do “Ribadeo aberto”, nunha xornada con descontos e sorpresas

O 22 DE XUÑO CHEGA O RIBADEO ABERTO, UNHA XORNADA NA QUE AS TENDAS ABRIRÁN AS SÚAS PORTAS ATA AS ONCE E MEDIA DA NOITE E OFRECERÁN Á SÚA CLIENTELA DESCONTOS E SORPRESAS. NA RÚA HABERÁ POESÍA, DANZA E PINTADO DE ESCAPARATES. A INICIATIVA ESTÁ ORGANIZADA POR ACISA E CONTA COA COLABORACIÓN DO CONCELLO E DE SONDA NORTE.

Ribadeo, 15 de xuño de 2012. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos organiza un novo evento denominado Ribadeo aberto, que terá lugar o vindeiro 22 de xuño. Trátase de manter os establecementos asociados abertos ata as 23:30 horas para que os que o desexen poidan facer as súas compras ata esa hora da noite. Todo salpicado con interesantes propostas realizadas por varios locais comerciais, e con música e poesía nas rúas a cargo de Sonda Norte.

En total 60 tendas ofrecerán descontos e sorpresas nesa noite tan especial, ademáis doutras moitas propostas. Segundo explica Roberto Rivas, presidente de ACISA, “haberá sesións de aromaterapia, exposición de tocados, peiteados exprés, exposición de traxes de finais do século XIX, grabación de eventos, obradoiros infantís, photocall de mascotas, entre outras moitas actividades”.

ACISA organiza o Ribadeo aberto, que conta coa colaboración de Sonda Norte e do Concello. Na tarde-noite do venres 22 de xuño haberá pintado de escaparates con Andrea Lombardía, recitais de poesía na rúa con Silvia Murias, Héctor Peña e Víctor Villar e actuación da Escola de Danza de Ribadeo nas Catro Rúas a diferentes horas.

Rivas Tomé sinala que “con esta proposta queremos animar á xente a facer a súas compras durante a noite e a disfrutar das sopresas e dos descontos que lles farán nas tendas. Todo estará aderezado con infinidade de actividades realizadas nos propios locais e outras na rúa con Sonda Norte e a Escola de Danza de Ribadeo. Queremos que a do 22 de xuño sexa unha noite moi especial da que disfrutemos todos, comercios e clientes, e que esta cita nos sirva para darlle a benvida ao verán”.

Exit mobile version