Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Barreiros iniciou o arranxo dun treito da estrada da costa en Fontela-Valea titularidade da Deputación

O CONCELLO INICIOU HOXE O ARRANXO DUN TREITO DA ESTRADA DA COSTA, TITULARIDADE DA DEPUTACIÓN DE LUGO, ONDE SE PRODUCÍA UN SOCAVÓN HAI UN ANO. OCORRÍA EN FONTELA-VALEA. ALFONSO FUENTE CRITICA O ESTADO NO QUE SE ATOPAN MOITOS VIAIS PROVINCIAIS AO SEU PASO POR BARREIROS.

Barreiros, 27 de xuño de 2012. O Concello iniciou hoxe o arranxo dun treito da estrada da costa en Fontela-Valea, titularidade da Deputación de Lugo, que leva un ano vallada tras sofrir un socavón. O alcalde, Alfonso Fuente, sinalou que se pediu o permiso correspondente á institución provincial para realizar uns traballos nos que o Concello investirá 8.000 euros. O rexedor critica o estado no que se atopan moitos viais da Deputación de Lugo en Barreiros, sin que ninguén faga nada por amañalos.

Fuente Parga explicaba esta mañá que “hoxe o Concello de Barreiros iniciou as obras de reparación dun vial da Deputación de Lugo, da súa titularidade, na praia de Fontela-Valea. Un treito desa estrada levaba un ano vallado e cun carril cortado advertindo da presencia dun socavón. Levamos un ano reivindicándolle á Deputación de Lugo que o arranxe, e ao final pedimos autorización desde o Concello e ímolo amañar nós. Non podemos ter a nosa costa, que foi galardoada hai uns días con 8 bandeiras azuis, neste estado. Esto non se pode consentir”.

O alcalde barreirense considera que “a Deputación Provincial non asume a súa responsabilidade, non asume os arranxos das súas estradas e o Concello non permitirá que eso estea así. Eso é contraproducente para o noso turismo e para o desenvolvemento de Barreiros. Alá eles, alá os políticos da Deputación, que permitiron que durante un ano esta estrada da costa estivese sen amañar, e que nós asumindo a responsabilidade como gobernantes do Concello de Barreiros e eu como alcalde temos que poñer cartos de todos os nosos veciños porque a Deputación non fai o seu traballo, a Deputación decide gastalos noutras cousas ou en propaganda e non arranxa os viais da súa competencia”.

Alfonso Fuente lamenta que “o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, sexa de Barreiros e non se preocupe de petar na mesa, aínda que o responsable dos viais provinciais sexa o señor Martínez, alcalde de Becerreá. Veiga debería petar na mesa e dicirlle ou vostede arranxa eses viais ou aquí tomaremos decisións, porque sí que as pode tomar cando levanta a man para votar nos plenos da Deputación de Lugo. Esto é un bipartito de conveniencia, xa sabemos o que dan os bipartitos… ao final os que o pagan son os veciños”.

O rexedor subliñou que “ese vial se está a arranxar desde hoxe e nuns días estará listo. A Deputación o único que fixo en todo este tempo foi culpar ao Concello do acontecido nese treito da estrada da costa en Fontela-Valea, dixo que fora un problema noso e eso non é verdade. De feito xa lles enviamos as probas correspondentes, aí houbo un saneamento autorizado pola Deputación que se fundiu e que produciu que se romperá un entronque da auga, que arranxamos rápidamente, pero ablandou o terreo e rexistróuse ese socavón. Nós tomamos esa decisión, despois de pedirlle autorización á Deputación. Esa autorización chegóunos onte e hoxe mesmo estamos a proceder ao seu arranxo e alí están as máquinas traballando. Eso é o que hai facer: arranxar o que sexa necesario e deixarse de gastos superfluos en propagandas e demáis”.

Os traballos que hoxe iniciou o Concello suporán un investimento de 8.000 euros.

O alcalde de Barreiros tamén se referiu ao estado no que se atopan outros viais de titularidade provincial, “todo o mundo sabe o estado no que se atopa o vial da Deputación de Lugo que vai desde Vilamar ata San Xusto, coas cunetas atascadas. Todos vemos cómo están os viais da Deputación que baixan cara as praias, a que vai por Remior, a que vai por San Cosme, a que baixa por San Pedro, a que baixa por San Miguel, por Reinante… todas as vías principais de acceso á nosa costa están nun estado lamentable e non se inviste nelas un só euro. Eu xa llo trasladei ao presidente da Deputación no seu día e díxome que cando lles tocase xa se arranxarían, pero vemos como se gastan cartos noutras cousas e non se arranxa algo que é da súa titularidade. Só queremos que amañen eses viais, é o único que lles pedimos”.

Fuente Parga lembrou que “nós hai uns días asinamos un convenio coa Xunta de Galicia por importe de 61.000 euros para ir arranxando os viais de titularidade municipal. Só lle pedimos á Deputación que arranxe os que son dela, porque dentro de pouco imos ter que cortar algunha estrada porque vai estar intransitable e eso non pode ser. A Deputación está para atender os seus viais”.

Exit mobile version