Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo pide á Deputación a roza e limpeza dos 49 quilómetros de vías da súa titularidade

O Concello solicita á Deputación a roza e limpeza dos 49 quilómetros de vías da súa titularidade

-A administración local remitiulle un escrito á Deputación para pedirlle que tome as medidas oportunas para o mantemento das 10 estradas provinciais que hai no municipio

Cervo, 6 de xuño de 2012-O Concello de Cervo vén de remitirlle un escrito á Deputación de Lugo para pedirlle que acometa coa máxima urxencia posible a roza e limpeza dos máis de 49 quilómetros de estradas de titularidade provincial que hai no municipio co obxectivo de mellorar a seguridade dos condutores que circulan por ditas vías.

Dende o goberno municipal aseguran que esta situación estase convertendo en habitual, posto que se vén dando anos anteriores. Por iso, reclaman que a Deputación “cumpra coa obriga de manter en bo estado as vías provinciais, xa que ter estradas da súa titularidade implica responsabilidades coma esta que non poden eludir.

Unha ausencia na conservación das vías que pode levar consigo certos perigos segundo o executivo local xa que “nas beiras das estradas acumúlanse pólas e árbores cortados, e a maleza segue crecendo, o cal supón que os peóns non poden transitar con seguridade e que os condutores poden sufrir algún perigo se teñen que utilizar as beiravías”.

O grupo de goberno engade que varios veciños e veciñas lle trasladaron estas queixas ao Concello e manifestaron o seu malestar polo estado das estradas provinciais.

Dez son as vías da Deputación que existen no municipio cervense, que en total suman unha lonxitude de máis de 49 quilómetros. Trátase das seguintes estradas: De Riocobo ao porto de San Cipián; de Burela, por Vilaestrofe, ata Ferreira; de Riocobo, por Trasbar, ata Vilaestrofe; de Riocobo ás fábricas de Sargadelos; da N642, por Cervo e Sargadelos, á CP 1502; da N642 a Cuíña; da Venta a Lieiro; de Figueirido ao Paraño, en Sargadelos; de Pedrouzo a Castelo, no tramo ata a Senra e de San Ciprián, por A Marosa, ata Burela.

Exit mobile version