Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo reforza o dispositivo de limpeza e roza para abarcar todo o municipio

O Concello reforza o dispositivo de limpeza e roza para abarcar todo o municipio

-Os traballos comezaron hai días nas zonas turísticas e nas vías do litoral e dende hoxe sábado esténdense a todo o territorio cervense

– Con estes traballos o goberno cervense adiántase á chegada das festas co obxectivo de ter todo o municipio acondicionado

Cervo, 30 de xuño de 2012-O Concello de Cervo incrementa a partir de hoxe sábado o dispositivo de limpeza e roza activado no municipio co obxectivo de manter todo o territorio cervense acondicionado para a chegada das festas e a época turística.

En concreto, a administración local destinará máis persoal para a realización destas tarefas, que xa se veñen facendo dende hai días no litoral, onde se rozaron vías e camiños de titularidade municipal e se limparon de forma exhaustiva as zonas de atractivo turístico. Agora, eses traballos estenderanse a todos os recunchos de Cervo co obxectivo de que “todo o territorio luza no seu máximo esplendor, especialmente nestas datas estivais nas que se achegan a Cervo milleiros de persoas, tanto turistas que veñen veranear como visitantes atraídos polas numerosas festas que se celebran por toda a xeografía cervense” explica o alcalde, Alonso Villares.

O rexedor lembra que manter o concello en perfectas condicións e as vías e camiños municipais libres de maleza é unha “responsabilidade” do goberno local, coa que “cumprimos puntualmente buscando o benestar da veciñanza e a súa seguridade”. Un “deber que o goberno da Deputación segue eludindo, retrasando sen xustificación a roza dos 49 quilómetros de estradas da súa titularidade no concello de Cervo” engade o mandatario cervense. “Dende o goberno local non nos cansamos de reiterar esta petición porque a seguridade da poboación está en xogo” asegura Villares, “e non cesaremos as nosas reivindicacións ata que a veciñanza que circula por estradas da Deputación poida viaxar segura” remata o rexedor.

Exit mobile version