O director do INSS visita a Casa do Mar un día despois de reunirse co alcalde para o desbloqueo da cesión do inmoble ao Concello
-Antonio Nores achegouse ata San Ciprián acompañado de persoal do INSS para coñecer de preto a situación do edificio
-O alcalde cervense agradeceulle a Nores a súa dilixencia e receptividade con este asunto que levaba tres anos paralizado polos anteriores responsables do organismo
Trátase da primeira vez que un responsable do INSS, o organismo propietario do inmoble, se amosa interesado pola petición iniciada polo Concello hai preto de 3 anos para xestionar e aproveitar un edificio que dende o verán de 2008 se atopa baleiro. De feito, Nores leva menos dun mes ostentando o cargo de director do INSS e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, xa que foi nomeado o 22 de maio.
“Recen chegado ao posto Antonio Nores amosou unha gran sensibilidade neste asunto e unha grande preocupación polo desuso e o deterioro dun edificio público do que se podería estar beneficiando a veciñanza dende hai anos” explica o rexedor, “unha dilixencia e unha eficacia na xestión dos recursos que xa demostrou onte durante a reunión, na que manifestou o seu compromiso de axilizar a cesión; e hoxe, un día despois, visitando a Casa do Mar para coñecer máis de preto a problemática” engade Villares.
O mandatario cervense amosouse satisfeito dos moitos avances a favor da cesión do inmoble que se están dando en tan pouco tempo. “Entre onte e hoxe, en só dous días, déronse máis pasos para tramitar a cesión da Casa do Mar que en tres anos” asegura o rexedor, e lamentou que “a ineficacia dos anteriores xestores e a súa desidia provocaran o desaproveitamento dun edificio tan céntrico e útil para a veciñanza”, especialmente cando se trataba duns trámites “que se poderían ter realizado en pouco tempo”. Aínda así, para o mandatario cervense, o máis grave é que “as xestións nunca se chegaron a iniciar e probablemente non terían arrincado de non ser pola entrada dos novos responsables”.