Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo discrepa da oposición polo tema dos socorristas

O goberno local considera que a falsa preocupación do PSOE polos socorristas sobrepasa o cinismo

Cervo, 16 de xuño de 2012-O goberno municipal de Cervo asegura que “o PSOE quere facer crer á veciñanza que está preocupado pola seguridade nas praias e polo servizo de socorrismo” cando en realidade “desexa que os areais estean abandonados e que non conten con ningún servizo”. Unha actitude que para o executivo local é “unha falsa preocupación polas praias cervenses que excede todos os límites do cinismo, de forma que o PSOE entra nunha nova dimensión da falsidade nunca vista”. De todos os xeitos, o grupo de goberno recoméndalle aos socialistas que “non intenten dar imaxe de inquietude”, que “descansen e estean tranquilos” porque “o servizo de socorrismo nas praias está garantido, grazas ao apoio e a colaboración da Xunta de Galicia”.

Deste xeito o grupo de goberno responde ás críticas vertidas polos socialistas ao redor da vixilancia prevista para os areais neste verán. “Teñen moita lixeireza para saír a criticar á Xunta, pero non lembran que é grazas á administración autonómica que este ano Cervo e San Ciprián disporán dunha rede de saneamento, tan necesaria para que as augas dos nosos areais estean completamente limpas”.

O equipo de goberno destaca que a colaboración da Xunta neste eido e noutros moitos é “encomiable”, especialmente “despois de que as esperpénticas actuacións do PSOE no Goberno do Estado deixaran unha España tocada e que tería afundido de non ser pola entrada do PP”. Aínda así, e a pesar de todos os “atrancos” deixados polos socialistas, o goberno local asegura que “a boa xestión do Goberno de Feijóo na Xunta permitirá dispoñer de socorristas nas praias de Cervo”.

Unha colaboración, a que mantén a Xunta cos concellos galegos, “da que teñen moito que envexar dende a Deputación”, administración provincial da que o goberno local aínda está agardando “non só que axude, como sería normal, senón que simplemente cumpra coas súas obrigas, como pagar á educadora familiar do Concello ou rozar as estradas que son da súa titularidade entre outros tantos deberes propios dunha administración supramunicipal cun municipio como Cervo”.

Exit mobile version