Site icon Crónica3.com A Mariña

Despois de 13 anos, o goberno de Cervo segue xustificando os problemas de facenda pola herdanza recibida

Tania González lembra que o anterior goberno local do PSOE deixou unha herdanza envelenada e turbia na facenda de Cervo

Cervo, 7 de xuño de 2012-A edil de Facenda, Tania González, respondeu hoxe ás críticas do grupo socialista sobre a situación económica e financeira do Concello de Cervo. González deulle as grazas ao grupo municipal do PSOE por saír aos medios a falar deste tema “porque así podemos lembrar a nefasta xestión das arcas municipais levada a cabo polo anterior goberno socialista de Cervo, na que se inclúe non só a incapacidade para sanear as contas, senón tamén as graves irregularidades e os procesos xudiciais abertos pola súa incompetencia”. A edil de Facenda asegura que PSOE cervense ao fronte do executivo local “deixou ao actual goberno unha herdanza envelenada e envolta en asuntos escuros da que aínda estamos a sufrir as consecuencias a pesar de que nestes anos conseguimos ir mellorando a situación”.

A responsable de Facenda achega datos sobre a conxuntura económica deixada polos socialistas no ano 1999, cando “Cervo estaba á cabeza na lista dos concellos máis endebedados de Galicia”. González manifesta que nese ano o Concello debíalle aos bancos 3,8 millóns de euros, mentres os seus ingresos eran de 2,3 millóns de euros, “cifras para non estar orgullosos” asegura González, e moito menos cando “dende o goberno local estase traballando para rebaixar a débeda e estanse obtendo resultados”.

“Sempre fala o que máis ten que calar e, se tiveran algo de dignidade, non sacarían á opinión pública asuntos que os prexudican”, asegura González, especialmente no referente ás obrigas de pagamento aos provedores. “Un dos méritos do goberno do PSOE en Cervo foi deixar unha débeda aos provedores de máis de 3 millóns de euros, que en 12 anos conseguimos rebaixar ata os 731.000”. De feito, sumando a débeda coas entidades financeiras e a débeda cos provedores do ano 1999 resultan 7 millóns de euros, “unha cifra desmesurada que en 12 anos reducimos en 2,5 millóns de euros” engade a edil.

A responsable de Facenda lembra que “non só rebaixamos o endebedamento, senón que ademais incrementamos a nosa capacidade de autofinanciamento, é dicir, os cartos para facer investimentos e actuacións a favor da veciñanza”. Uns ingresos que segundo González fixeron máis que duplicarse, pasando dos 2,3 millóns no ano 99 aos 5,2 millóns no 2011.

Outro dos “agasallos malditos” deixados polo anterior goberno foron as irregularidades nas contratacións de obras, como o Plan Placer “un cúmulo de anomalías escandalosas que nos obrigou a iniciar accións legais para evitar un pagamento indebido de máis dun millón e medio de euros”. Para a concelleira “facer memoria é moi recomendable e, aínda que os socialistas esquecen cando lles interesa, saben moi ben que conseguimos menos débeda e máis ingresos”, tarefa difícil despois de recibir unhas contas “con débedas desorbitadas, ingresos raquíticos e asuntos económicos turbios considerados así pola xustiza, a peor herdanza que un goberno entrante pode recibir dun goberno saínte” remata González.

Exit mobile version