Site icon Crónica3.com A Mariña

O plan Impulsa Lugo avanza na creación de boas condicións para o emprendemento en Lugo

O investimento da Xunta no Impulsa Lugo suma 67,7 millóns de euros en 2012, máis do dobre que no pasado exercicio

ECONOMÍA E INDUSTRIA SALIENTA A IMPORTANCIA DO PLAN IMPULSA NA REACTIVACIÓN ECONÓMICA DE LUGO

 O director do Instituto Galego de Promoción Económica destaca no Parlamento que co Impulsa estase a avanzar na creación de boas condicións para o emprendemento en Lugo

Santiago, 19 de xuño de 2012.- O director do Igape, Javier Aguilera, trasladou hoxe a aposta da Consellería de Economía e Industria a prol da eficacia do Plan Impulsa Lugo de cara á reactivación económica da Provincia, no Parlamento de Galicia.

O director do Instituto Galego de Promoción Económica salientou que a través do Impulsa, estase a avanzar na creación de boas condicións para o emprendemento en Lugo e engadiu que unha das claves para afrontar a actual conxuntura económica é “o estímulo dos emprendedores e autónomos para que invistan e creen riqueza”.

Neste sentido, o director xeral do Instituto adscrito á Consellería de Economía e Industria salientou que o Goberno galego non só mantén, senón que amplía, o esforzo para intensificar os apoios á zona de Lugo. De xeito que o investimento da Xunta neste plan de desenvolvemento territorial suma, neste orzamento de 2012, un total de 67,7 millóns de euros, máis do dobre que no pasado exercicio, no que se alcanzou a cifra de 26,7 millóns.

Isto supón que, dos máis de 327 millóns de euros que a Xunta destina a Lugo nos seus orzamentos 2012, un 20% están vinculados á posta en marcha do Plan Impulsa o que reflicte “o compromiso orzamentario da Xunta coas provincias do interior”, que abrangue máis de 80 medidas, complementarias deseñadas cun carácter estratéxico e específico e que implican ás diferentes Consellerías do Goberno galego.

Este compromiso transversal supón unha palpable discriminación positiva para a provincia de Lugo, tanto nas diferentes axudas convocadas pola Xunta (máis de 25 incorporan xa vantaxes para as solicitudes provenientes de Lugo) como na distribución orzamentaria, na que Lugo é a primeira provincia en canto a gasto por habitante.

Neste contexto, Aguilera sinalou que o Executivo galego está a manter un esforzo continuado ao longo da lexislatura no desenvolvemento deste Plan xa que “os resultados máis favorables, con xeración de riqueza e emprego na provincia, acadaranse mediante un esforzo sostido”.

Exit mobile version