Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Lugo inicia unha campaña de afiliación na provincia

Xose Manuel Barreiro presentou en rolda de prensa esta iniciativa co obxecto de sumar novos afiliados “ao proxecto político máis ilusiónante e comprometido con esta terra”

“Contigo Lugo será + popular” nova campaña de afiliación do PP provincial

 Desenvolverase en todos os concellos lucenses a través dunha campaña de proximidade e contará con 14 actos públicos nas principais vilas da provincia

Lugo, 28 de xuño de 2012.- O Presidente provincial do Partido Popular e portavoz do PP no Senado, Xose Manuel Barreiro, acompañado do secretario provincial, Jose Manuel Balseiro presentaron hoxe en rolda de prensa a campaña de afiliación que baixo o lema “Contigo Lugo será + popular” nace co obxectivo de sumar novos afiliados ao proxecto político “máis ilusionante e comprometido con esta terra: o que representa as siglas do PP de Lugo”

O dirixente popular explicou que a campaña se desenvolverá en todos os concellos da provincia e contará con 14 actos públicos nos que os cargos representativos de cada unha das comarcas e membros de Novas Xeracións convidarán á cidadanía a sumarse ao proxecto popular.

CAMPAÑA DE PROXIMIDADE

A estratexia de comunicación farase fundamentalmente a través dunha campaña de proximidade, moi persoal, dende cada xunta local, achegándose directamente aos veciños dos pobos e vilas da nosa provincia. “Quixemos dar a cara explicando a verdade das reformas e agora queremos facelo animando á xente a sumarse o reto de ofrecer solucións fronte á crise”. Por todo iso, tamén incluirá encontros na rúa nas principais vilas como son Lugo, Burela, Castro de Rei, Chantada, Fonsagrada, Foz, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro e Palas de Rei.

“Lugo merece que entre todo poidamos crer nel, e crecer nun futuro en positivo” –dixo Barreiro- “Para iso queremos ser máis que nunca o partido dos lucenses. O que devolva a confianza recibida elección tras elección por unha maioría de veciños desta provincia en forma de propostas, iniciativas e solucións que contribúan a mellorar a calidade de vida de todos”.

FRONTE A RESIGNACIÓN: PARTICIPA!

Xose Manuel Barreiro explicou que, fronte ao que moitos pensan “máis que nunca” en tempos como o actual cheos de retos e dificultades “non cabe resignarse, senón implicarse e participar na procura de solucións para o teu pobo, para o teu concello, para a túa provincia, para o coxunto do país”.

“É o momento de participar activamente en política. Non ser un mero espectador. E facelo da man do partido que máis se parece a Lugo, un PP coa forza e respaldo máis potente que precisa do concurso de novos afiliados dispostos e facer un equipo máis grande e máis forte”-dixo Barreiro.

O presidente dos populares lucenses e portavoz do PP no Senado concluíu facendo un chamamento a todo aquel que entenda que as propostas e a forma de facer política do Partido Popular é a mellor garantía para dar solución aos actuais problemas e dificultades. Dixo que cada un deles “non só terá as portas abertas do Partido Popular na provincia, senón que lles queremos invitar a que participen da política connosco, que se afilien, que nos transmitan as súas inquietudes, e que nos axuden nesa tarefa que é de todos”

Exit mobile version