Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo pide que se inclúa Viloalle nas actividades do centenario de Leiras Pulpeiro

O PP local pídelle a Orlando González que rectifique e inclúa a Viloalle no programa de actividades con motivo do centenario da morte de Leiras Pulpeiro

Veciños de Viloalle trasladáronlle ao grupo municipal popular o seu malestar ante un programa de actividades que non acolle a celebración neste parroquia de ningunha das representacións teatrais que se levarán polo rural en conmemoración do centenario da morte do escritor mindoniense

O Grupo Popular apoia e defende a dinamización de actividades culturais no rural, pero cun trato equitativo no reparto dos actos entre as parroquias

O PP recorda que Viloalle é unha das parroquias do rural esquecida para o bipartito ao desbotar, entre outros feitos, o proxecto de saneamento da conca do Masma que deixara o goberno popular

O feito de que Viloalle non conte con local social non é motivo para a non inclusión da zona na programación de actividades, xa que agora tamén se pode emprender o esforzo que os grupos políticos manifestan en épocas electorais na procura de ubicacións onde celebrar as reunións na parroquia

Mondoñedo, 7 de xuño de 2012- O Partido Popular de Mondoñedo pídelle ao rexedor local, Orlando González, que rectifique e que inclúa a parroquia de Viloalle no programa de actividades que o Concello de Mondoñedo ten previsto levar a cabo polo rural da localidade con motivo do centenario do falecemento do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro.
Desta maneira, o Grupo Popular quere transmitirlle ao rexedor local o malestar que a decisión xerou entre os veciños da parroquia de Viloalle, unha das zonas de Mondoñedo esquecidas na xestión do goberno do bipartito. O Grupo Popular municipal apoia, defende e fomenta a dinamización de actividades no rural, pero tamén pide un trato equitativo no reparto dos actos entre as parroquias. Así, os populares pídenlle coherencia ao goberno local e solicítanlle que rectifique no programa de actividades tras ter constancia do descontento xerado nos veciños de Viloalle, pola non inclusión da parroquia dentro das zonas nas que se levarán a cabo representacións teatrais.
O bipartito probablemente relacione esta decisión co feito de que Viloalle carece dun local social para a celebración de actividades, outras das grandes demandas dos veciños, porén os populares manifestan que, ao igual que os grupos políticos buscan alternativas de locais na parroquia para celebrar reunións durante as épocas electorais, este mesmo esforzo de procura de ubicacións tamén se debe demostrar á hora de organizar actividades culturais.
O populares recordan que Viloalle non é unha das parroquias prioritarias na xestión do goberno municipal, algo que se evidencia, entre outros casos, ante o feito de que o bipartito desbotou, sen explicacións, o proxecto de saneamento da conca do río Masma que deixara o goberno do Partido Popular, unhas das grandes demandas dos veciños da zona.
O Partido Popular crítico co problema de estacionamento que se vive en Mondoñedo e acrecentado coa xestión do bipartito, tamén manifesta o seu malestar pola falla de regulación de tráfico que se está a dar na localidade e que se acrecenta durante os días de mercado, principalmente na zona do seminario. Ante esta situación, o grupo municipal reiteralle de novo ao bipartito, a necesidade de levar a cabo medidas que faciliten a circulación na localidade e non convertan Mondoñedo nun lugar incómodo para os veciños e visitantes.

Exit mobile version