Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP local reclámalle maior implicación turística ao Concello de Mondoñedo

O Partido Popular critica que o sector turístico non sexa importante para a corporación mindoniense do BNG e do PSOE

?       O Partido Popular municipal proponlle ao bipartito que o Concello preste servizos turísticos que permitan alongar a estancia dos visitantes na localidade

?      O Grupo Popular empeza unha rolda de contactos con empresarios da hostalería para preparar a segunda reunión programada dentro da mesa constituída para o fomento do emprego en Mondoñedo

Mondoñedo, 30 de xuño de 2012.- O Grupo Popular Municipal de Mondoñedo demándalle ao Concello da localidade maior implicación en materia turística, un sector cun enorme potencial de explotación económica na zona. Dende o PP critican a deixadez do goberno municipal nesta área e lamentan que a actitude do bipartito se caracterice pola falta de interese e implicación no estudo de opcións que permitan sacar rendemento as posibilidades turísticas locais.

Tanto é así que, en concreto, o Grupo Municipal do Partido Popular critica a pasividade do bipartito e a falta de eficacia da oficina municipal de turismo, cun reducido horario de atención ao público e que incluso permaneceu pechada durante días de altos índices de demanda turística, como aconteceu durante a Semana Santa.

Ante esta situación e coñecendo o potencial da localidade mindoniense, o Partido Popular ve necesario que o Concello preste servizos turísticos que permitan alongar a estancia dos visitantes no municipio e con elo fomentar a empregabilidade hostaleira e das actividades vinculantes en Mondoñedo.

Así mesmo, para o Partido Popular de Mondoñedo o papel do Concello nesta área pasa pola necesaria oferta de opcións turisticas, polo que lle pide ao organismo local que se dote da normativa precisa e que preste visitas guiadas pola localidade xunto cunha planificación de actividades que conleven o desenvolvemento do turismo como fonte de riqueza.

Pola súa parte, o Partido Popular empeza unha rolda de contactos cos empresarios da hostalería da localidade co obxecto de preparar a segunda mesa de traballo enmarcada dentro das serie de iniciativas promovidas pola Consellería de Industria, coa colaboracións dos grupos municipais, para o fomento do emprego na localidade. A primeira das mesas de traballo centrouse no estudo do sector forestal como fonte de riqueza en Mondoñedo.

Para o Partido Popular, a situación de Mondoñedo non permite que o Concello perda oportunidades que dinamicen a localidade. Porén, o grupo municipal recorda que a falta de implicación por parte do rexedor local, Orlando González, e do bipartito, en temas turísticos, xa se puxo de manifesto debido á escasa representación institucional nas procesións de Semana Santa, un atractivo turístico que o goberno da localidade non soubo aproveitar

Exit mobile version