
Os realizadores do programa Sara, Sonia, Alma, Lucas, David, Nerez, Andrea, Antonio, Carlos e Paula (faltaba ese día Alberto), co "paciente" técnico Matías Nicieza e catro amigos invitados: Nerea Gómez, Ángel Casabella, Xoel Galdo e Eva María Campos.
O pasado venres, día 8 de xuño, emitiuse na Radio Valadouro o 50º programa xuvenil “E a min que máis me dá”. Este programa emítese cada venres a partir das 19 horas e xa leva dous anos en antena. Está elaborado integramente por rapaces da ESO do Instituto Alfoz-Valadouro, que preparan e presentan cada semana as seguintes seccións:
– Natureza: Carlos Paz. Comenta curiosidades relacionadas co mundo animal e vexetal.
– Literatura: Paula Paz. Comenta libros.
– Deportes: David Rivas e Lucas Rega: Falan de fútbol, motos, Fórmula 1, tenis…
– Música: Alma Ramos: cada semana tráenos os cinco mellores temas musicais.
– Cine e televisión: Sara Bouso e Sonia Expósito: fálannos das series máis coñecidas e dos novas estreas de películas.
– Entrevista: Nerea Pena e Andrea Cabanas: Cada semana entrevistan a un rapaz ou rapaza ou ben a algún adulto relacionado coas actividades xuvenís.
– Curiosidades do mundo: Antonio García: fálanos dos temas máis apaixoantes e incribles relacionados co mundo no que vivimos.
– Humor: Alberto Níñez: monólogos, chistes, imitacións, a cargo deste rapaz xa experimentado no mundo do teatro, do cine e da televisión.
En todas estas seccións colaboran todos, non só os presentadores de cada unha delas. Contan coa inestimable axuda do técnico Matías Nicieza e a colaboración do profesor Pepe Peinó. O programa previsto para unha duración dunha hora, con frecuencia se alonga, ata pasar incluso das dúas horas, porque os rapaces viven a radio dun xeito intenso e prolongan as distintas seccións por propia iniciativa. Ó mesmo tempo converten a Radio Valadouro en lugar de encontro da xente nova, pois moitos amigos seus pasan a tarde dos venres na emisora, acompañándoos na realización do programa.
Penso que é importante resaltar a importancia da constancia destes rapaces na realización do seu programa (50 programas son moitos), así como a calidade das diversas seccións, confeccionadas todas por eles mesmos.