Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo di que o alcalde acudiu ao acto de entrega de bandeiras azuis como espectador

VILLARES ACUDE Ó ACTO DE ENTREGA DAS BANDEIRAS AZUIS COMO MERO ESPECTADOR XA QUE NON LOGROU NINGÚN GALARDÓN

-Os socialistas destacan que “Cervo foi dos poucos concellos costeiros de A Mariña que quedou coas mans baleiras, grazas á deixadez e pouco interese do alcalde e o seu equipo de goberno”

-A falta de preocupación polo noso futuro é absoluta, “se deixamos de potenciar o turismo, tódolos sectores se verán afectados e este concello irase apagando pouco a pouco”

CERVO, 23 DE XUÑO. A portavoz do Grupo Municipal Socialista de Cervo, Lara Méndez, despois de asistir no día de onte ó acto de entrega das bandeiras azuis subliña que “é unha pena ver como o máximo representante dos cervenses acude como mero espectador xa que o concello que goberna non logra ningún dos galardóns”.

Este evento non se celebraba na nosa comarca dende hai moito tempo, “era a ocasión de sentirnos orgullosos á hora de recibir un recoñecemento á calidade do noso concello, pero o señor Villares non se molestou nin en enviar as solicitudes. Cervo foi un dos poucos concellos costeiros de A Mariña que quedou coas mans baleiras, xa que ningunha das praias nin o Ecomuseo de Terras de Azul Cobalto foron galardonados”.

Nin o señor alcalde nin o seu equipo de goberno puxeron interese algún en ter todo a punto para solicitar estes distintivos, “o que amosa unha vez máis a deixadez e a desidia que os caracteriza. Non sabemos como se atreven a falar de falsa preocupación da oposición cando o que eles mesmos demostran é, iso sí, unha falta de preocupación absoluta polo presente e o futuro do noso concello”.

Os socialistas insisten en que “estas insignias son un atractivo turístico moi importante que repercute no desenvolvemento económico do municipio. Se deixamos de potenciar o turismo, tódolos sectores se verán afectados, verase mermado o comercio, os servizos, as infraestructuras e teremos como resultado un concello que se irá apagando pouco a pouco”. Esperan que “o señor Villares cambie de actitude e non siga perdendo o tempo en facer acusacións falsas da oposición. Que se preocupe do que realmente se ten que preocupar”.

Exit mobile version