Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Ribadeo aporta unha nova alegación ao PXOM sobre o catálogo de elementos a protexer e recuperar

NOTA DE PRENSA

O PSdeG PRESENTA UNHA NOVA ALEGACIÓN AO PLAN XERAL DE ORDENACION MUNICIPAL.

NESTE CASO VERSAN SOBRE O CATÁLOGO DE ELEMENTOS A PROTEXER OU RECUPERAR.

NELA IDENTIFICAN NUMEROSOS ERROS E IMPRECISIÓNS, MOITOS DELES IMPUTABLES Á CONSELLERIA DE CULTURA

O PSdeG presentou unha nova alegación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, actualmente en fase de información pública. Segundo declara o concelleiro Eduardo Gutiérrez, “repasamos todo o Catálogo de elementos a conservar e recuperar e atopamos unha grande cantidade de erros e imprecisións, algunhas verdadeiros disparates. Quero facer constar que nengunha delas foron advertidas polos responsables da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, no seu informe previo, feito que, sen dúbida, desvirtua a calidade do seu traballo. Debemos destacar que dentro do Catálogo figuran lugares e edificios particulares onde se sinalan os niveis de protección. Cremos que os veciños deberan repasar o que o Plan dispón, por se teñen alegacións que facer, tanto neste aspecto como noutros, sen deixarse levar por algúns consellos interesados en que ‘pasen de todo’ baixo o pintoresco argumento de que moitas das previsións non se van cumprir”

T e x t o d a A l e g a c i ó n

Alegacións sobre o Catálogo

Eduardo Gutiérrez Fernández, D.N.I. Nº 33.802.840 Q, concelleiro do PSdeG-PSOE, e Balbino Pérez Vacas, D.N.I. Nº 76.558.538 W e Jorge Díaz Freije, D.N.I. Nº 33.997.293 G, ambos da Comisión Executiva Local do PSdeG-PSOE, con domicilio a efectos de notificación na sé da Agrupación Socialista de Ribadeo, na rua Viejo Pancho, 16 baixo, presentan a seguinte

Alegación ao Catálogo de Elementos a protexer ou recuperar, cuxo segundo período de información pública foi aprobado na sesión plenaria do Concello do día 23 de marzo de 2012.

Sobre as fichas que compoñen o Catálogo, emitiu o seu informe a Dirección Xeral de Patrimonio. Nengunha das anotacións, observacións e listado de erros que compoñen esta Alegación, constan en tal informe. Presentámolo como Alegación ao propio Plan Xeral e como documento crítico coa Dirección Xeral do Patrimonio, que ainda contando cun corpo de inspección e outro de vixilancia, non fixo traballo nengún nesta materia, ainda que si andiveron moi espilidos meténdose en competencias que non ten atribuidas como é o planeamento municipal.

Ficha 00.01.CS

Esta ficha, sobre o Camiño de Santiago, titulada Descripción, aseméllase máis, na sua primeira parte, a unha guia turística que a unha ficha de catálogo. Non está mui claro que se refira ao propio Camiño, ainda que di, textualmente que “proseguimos el camino hasta acabar el arduo labor de subida del casco antiguo” . Parece que vai de Porcillán á Atalaia e logo á Praza de España que, segundo din, contén dous parques a falta dun: o da praza de España e o da “Praza Maior”. Na zona céntrica aparecen magníficas construcións, “que conserva de su noble pasado, un apreciable conjunto arquitectónico bajomedieval y moderno”. Pase o de moderno, pero fóra do convento de Santa Clara e da igrexa parroquial, da arquitectura baixomedieval non quedan nen lixeiras amósegas. Por certo, a igrexa parroquial nunca foi catedral: era a igrexa do convento de San Francisco, e desaparecida a inacabada colexiata de Santa María herdou o nome. A Torre dos Moreno é calificada de fermoso caserón modernista rehabilitado como biblioteca pública. Realmente nen está rehabilitado, nen alberga á biblioteca desde hai bastantes anos e o estilo é ecléctico con riscos modernistas.

Finalmente afirmase que o camiño segue polo bairro do Pontigo e a rua Deputación, pola marxe dereita seguindo a traza marcada “por las conchas y las flechas amarillas”. Curiosamente estas están situadas na rua Amando Pérez e non na de Antonio Otero, que era a ruta lóxica de subida, ainda que como logo se verá, ou os peregrinos estaban moi afeitos aos laberintos, ou eran especialistas en recorrer o camiño máis longo.

Nas páxinas seguintes da Ficha, o texto parece que procede da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pero non por iso está libre de erros como asegurar que o bairro do Pontigo debe o seu nome ao trazado da via de saída da vila, ou afirmar que a capela de San Roque era a “antiga Virxe do Camiño”, cando se trata de dous templos diferentes.

Ficha 01.01

Asegúrase nesta Ficha que a igrexa parroquial de Arante é de 1931, confundindo a sua orixe coa data dunha reparación. Isto xa foi sinalado nun dos anteriores periodos de información pública. O informe de Patrimonio non o advirte.

Ficha 01.02

A descripción correspónde coa igrexa de A Ponte, pero nas fotos aparecen a igrexa das Virtudes asi como a igrexa e o cemiterio de A Devesa.

Ficha 01.03

Refírese á capela de A Madanela, pero ubícana en A Eirexa, Arante, cando realmente a situación é Os Dioses, Remourelle.

Ficha 01.06

Refírese a unha ponte, en Portobragán, Remourelle. Pero o rio non é o Grande, senón o de Lexoso. Omítese a existencia de duas pontes, de similares características e situadas nas imediacións.

Ficha 01.09

Dedicada ao Castro da Coroa en Fondo de Vila, Arante. Non se puido visitar de modo que a información que se aporta é practicamente nula.

Ficha 01.10

Relativa a un túmulo en Monte da Forca, inmediato ao anteriormente citado castro. Non se recoñeceron restos nen indicios. O peor é que sitúao en Ribadeo e pertece a Vidal, Trabada.

Ficha 01.11

Dedicada ao Hospital de Arante que como se recoñece na propia ficha non existe e só quedan unhas cruces gravadas na parte sur da capela. En canto á vivenda que ao parecer se construiu nunha parte que ocupaba o hospital sinalan: “segundo informacións dos veciños do bairro da Ponte, o hospital situábase no lateral sur da capela, estando ocupado hoxe o solar por unha vivenda particular, propiedade dunha veciña de idade avanzada que xa non reside na casa”. Ao parecer a solvencia científica da localización reside na información veciñal. En canto ao dado sobre a casa, aparte de non ser certo é unha impertinencia.

Ficha 01.15

Xacemento As Pallaregas, Cima de Vila, Arante. No inventario de xacementos de Galicia figura como pertecente a Trabada.

Ficha 02.02

Sobre a capela do Carmen en Barreiros, Cedofeita, ou sexa a capela do Pazo. Pero nas fotos aparecen a capela de Santa Filomena en Vilandriz e a capela de San Ramón ambas de A Devesa.

Ficha 02.11

Referida ao túmulo de As Pallaregas en Teixido, Cedofeira. Rceoñécese que se trata dunha simple elevación do terreo.

Ficha 02.12

O mesmo que a anterior

Ficha 02.13

Refírese ao conxunto de túmulos de As Pallaregas. Indican que non se sabe se pertece a Ribadeo ou a Trabada. Pero realmente é de Trabada. Dobre erro: Cima de Vila é de Arante, non de Cedofeita.

Ficha 04.01

Sobre a igrexa parroquial de San Vicente de Cubelas. Omítese que existe un reloxio no recimto, que debera ser incluído

Ficha 07.04

Fonte en Dompiñor. Pero non aparece a foto da fonte, senón unha casa situada en Os Garitos: a natal dos irmáns Moreno Ulloa.

Ficha 08.01

Sobre a igrexa parroquial de Santa María do Campo. Asegúrase que foi catedral no século XII. Debe anularse tal afirmación por ser rotundamente falsa. Nunca foi catedral.

Ficha 08.03

Capela de A Atalaia. Aseguran –impunemente– que é do século XVI. Pero é moi anterior, quizais da época de Fernando II, ou moi imediata a ese tempo.

Ficha 08.11

Refírese ao que foi Colexio das Monxas, ainda que a ficha di convento. Non foi construido no século XVII, senón a comezos do XIX.

Ficha 08.15

Torre dos Moreno. A ficha parece suxerir que foi construido o edifico para residir nel os irmán Moreno Ulloa, e non foi así.

Ficha 08.24

Sobre a Casa do Patín, que confunden coa actual Casa da Cultura, xa que situan nela á Escola de Náutica. O edificio foi totalmente refeito, de tal xeito que non conserva o patín que lle daba nome.

Ficha 08.32

É a coñecida como casa ‘dos Perecitos’, na praciña de Alvarez Miranda. Din que é do século XX, cando realmente é do último tercio do XIX. No balcón que existía no chaflán do edificio, antes de que a incuria municipal ordease desfacelo, figuraba o ano de construción.

Ficha 08.38

Alúdese a unha inexistente rua de José Antonio Primo de Rivera.

Ficha 08.81

Ponte sobre antiga via do ferrocarril. Ainda que a ficha diga o contrario, a via non pasaba por derriba da ponte, senón por debaixo, ou sexa o que houbo que salvar non era o camiño, senón a via do tren. Xa fixemos mención deste detalle na Alegación sobre o Camiño de Santiago.

Ficha 08.85

Sobre os restos da muralla. É preciso completar a ficha e depurar erros. Por exemplo: non discurría pola rua Alvarez Miranda. Ademais omítense os vestixios na Atalaia.

Ficha 08.86

Hai que correxir a denominación: Colexio das Monxas, non convento.

Ficha 08.89

Sobre o escudo do vello edificio do Concello e actual Xulgado. A coroa é mural e os dous escudos de Ribadeo non son iguais.

Ficha 08.102

Na vella estación do tren mineiro, os restos dunha caseta do transformador son calificados de palomar. Só falta atribuirlle un carácter romano.

Ficha 10.12

Dedicada á antiga igrexa de Santalla, que non existe. Derrubouse hai bastante máis de 25 anos. Debera desaparecer do Catálogo.

Ficha 11.06

Relativa á Escola de Capacitación ‘Pedro Murias’. Non se lle engadiron todas as buhardillas “de capucha”, como di o Plan: xa tiña tres.

Ficha 12.07

Forte de San Damián. E non castelo. Cómpre revisar a ficha. Por poñer un exemplo: non foi destruido polas tropas francesas, senón que foron as españolas quen lle prenderon lume ao polvorín.

Ficha 12.09

Refírese á chamada Torre Vella, aportando datos tirados de Francisco Lanza, pero non moi ben. A xa desaparecida Torre Vella non estaba na illa Pancha, tal e como recolle a planimetría, senón no promontorio próximo á illa, onde estivo a ‘caseta dos carabineiros’.

Ficha 12.10

Dedicada ao Forte de San Damián, como se fose unha construción diferente da da Ficha anterior. En fin que hai dous a falla dun.

Con carácter xeral

A identificación de edificios e lugares é deficiente e ás veces pintoresca. Por exemplo a casa dos señores Del Pino, en Riocainzos, Vilaframil, denomínase ‘Casa do Pino’. Non se catalogan os antigos transformadores eléctricos, de forma circular e con dous corpos, repartidos polo casco histórico, nen outros tradicionais na zona rural. Non se computan todos os escudos e pedras de armas existentes. Omítese crear unha Ficha dedicada ao Palco da Música, que é do século XIX. Esta deficiencia xa foi sinalada no proceso de alegacións do ano 2001, que non se respostaron e quizais tampouco se leron.

O que se propón nesta longa alegación é a corrección de todos os aspectos sinalados na mesma.

Exit mobile version