Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE pide a comparecencia do conselleiro para que explique os tres anos de paralización das infraestruturas da Mariña

OS SOCIALISTAS PIDEN A COMPARECENCIA DE HERNÁNDEZ NO PARLAMENTO PARA QUE EXPLIQUE POR QUE LEVAN PARALIZANDO TRES ANOS AS INFRAESTRUTURAS DA MARIÑA

Ismael Rego pedirá a comparecencia do Conselleiro de Medio Ambiente para que explique por que modifican o trazado do treito de enlace centro de Viveiro

Acusa aos populares de usar a estratexia da “obstrución” co fin non levar a cabo o investimento desta infraestrutura “vital para Viveiro e o seu entorno comarcal”

Recrimina aos populares que “cambien” o proxecto acordado coa Deputación, o Concello e os veciños do anterior goberno por outro que non acordou coas institucións e situou en fronte aos afectados

Santiago, 15 de xuño de 2012. O parlamentario socialista ven de solicitar a comparecencia do Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, para explicar en sede parlamentaria as conclusións da declaración de impacto ambiental relativa ao treito de enlace centro de Viveiro, e no que, a xuízo dos socialistas, se mantén a pretensión de executar un trazado que retrasará a construción da variante e vai ocasionar afeccións e danos de imposible reparación.

O deputado socialista recrimina ao Goberno de Feijóo que logo de tres anos de lexislatura presenten o estudo de Impacto Ambiental, cando “teñen paralizado un proxecto estratéxico para a Mariña”. A conclusión que tira Rego é que, no presente mandato “non se vai licitar nin adxudicar un só metro” desta infraestrutura.

Os socialistas acusan ao Goberno de adoptar unha “estratexia de obstrución” ó proxecto que deixou na práctica redactado o anterior goberno cun trazado “acordado” co concello de Viveiro, a Deputación Provincial e os veciños afectados. Este proxecto acaba de ser “cambiado” polo Executivo de Feijóo por un novo trazado que “non conta nin co acordo do Concello, nin da Deputación”, afirma Rego, e conta coa “forte oposición dos veciños”, apunta o deputado socialista.

Para o parlamentario do PSdeG-PSOE os populares só buscan “unha desculpa” para non levar a cabo o investimento desta infraestrutura “vital para Viveiro e o seu entorno comarcal”.

A irresponsabilidade do Goberno de Feijóo non se limitou, segundo Rego, a esconder dentro dun caixón esta actuación durante todo o que vai de lexislatura, senón que “teñen paralizado sine die” o tramo Celeiro – San Cibrao, que o anterior goberno deixou “licitado e con recursos” para a súa execución.

Ismael Rego recrimina aos populares que “ningún dos proxectos estratéxicos para a comarca se teña encetado nos tres anos de Goberno Feijóo. “Todo pasou ao apartado de pendente”, dixo para engadir a continuación “pendente de que chegue ao Goberno galego alguén con responsabilidade suficiente para dar resposta ás necesidades de infraestruturas e equipamentos que precisa unha das comarcas máis dinámica de Galicia”. Unhas infraestruturas necesarias para desenvolver as “capacidades emprendedoras” das súas xentes en plenitude.

Exit mobile version