Ribadeo, 7 de xuño de 2012. O presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Mario Coto, asegura que para esta entidade é un orgullo volver contar neste 2012 coa bandeira azul e coa Q de calidade turística. Coto anunciou que o RCNR procederá a limpar a zona de atraque do porto deportivo nunhas semanas e a realización dun estudio para instalar cámaras de seguridade nas portas de acceso aos pantaláns.
O presidente do Real Club Náutico de Ribadeo fixo balance hoxe dos dous distintivos que ven de conseguir a entidade, a bandeira azul e Q de calidade turística, “para nós é un orgullo enorme manter a bandeira azul do Real Club Náutico de Ribadeo, desde que a voltamos a recuperar, e renovar por segundo ano a Q de calidade turística. Destes distintivos fálase cada vez máis, a xente que leva máis tempo con estes galardóns sabe que lle da máis caché ao seu club ou o seu pobo”. Mario Coto viaxaba esta semana a Madrid a recoller das mans do ministro de Industria, Energía y Turismo, José Manuel Soria, a Q de calidade turística para o Real Club Náutico de Ribadeo e sinala que “todo isto reportaralle beneficio para o bó nome do Real Club Náutico de Ribadeo, que é outro dos recoñecementos que recibimos nos últimos meses, e para nós todo isto é un selo ao percorrido que ano a ano realizan esta directiva e os traballadores desta entidade”.
Coto realizou unha valoración positiva da visita que onte cursou a Ribadeo o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, ao que lle plantexou varias cuestións, “ao presidente de Portos nós reinvincámoslle a vixianza do porto deportivo e él moi amablemente díxome que de momento non se está actuar nos portos deportivos, só se están realizando este tipo de instalacións nos portos comerciais. No noso caso, ao igual que o resto de portos deportivos que son concesións a clubes náuticos ou a empresas, somos nós os que o debemos acometer. Hai un compromiso do presidente de Portos para poñer outras dous cámaras de videovixianza máis na zona oeste da cofraría de pescadores, que abarcarán tamén parte do porto deportivo, entón nós estamos estudiando a instalación de cámaras nas portas de acceso aos pantaláns e así a seguridade quedaría cuberta”.
O presidente do Real Club Náutico de Ribadeo explicou que “tamén lle comunicamos onte ao presidente de Portos de Galicia que imos facer unha limpeza da zona de atraque do Real Club Náutico de Ribadeo. Será en colaboración entre a sección de buceo nosa e a asociación Illa Pancha. Hai que pedir autorización a Portos, a Patrimonio e a Cultura porque alí hai uns pecios que hai que conservar. Agardamos que nun prazo dunhs quince días poidamos ter todo listo para facer en dúas ou tres fases a limpeza da dársena”.