Site icon Crónica3.com A Mariña

Os veraneantes e o verán

O VERÁN E OS VERANEANTES


Como hai uns días entrou o verán e o mundo móvese como o “molinillo” dunha batedora, vou falar dun tema intranscendente: Os veraneantes.
O verán é verán cando dentro e fóra de ti coinciden as estacións. Hai invernos que xean as campas e montañas e que ti recordas como os máis cálidos días da túa existencia; tamén hai veráns que no medio da canícula e a calor máis sufocante ficaron xeando o corazón.

É certo que a cor dos días pode cambiar a intensidade da nosa propia mirada, e que para un galego do norte nordesio as mañás azuis son máis evocadoras e necesarias que eses plúmbeos e escuros amenceres nos que non se albisca a luz por ningunha parte.

Unha vez recuperado o alento grazas ao tino ( ou ao medo) dos gregos intento esquecerme de Dona Crise (por que será un termo feminino) e volver aos asuntos cotiáns, á micro realidade, que é o que me gusta tamén en verán. Vamos falar do que se enrola a xente no estío. Podemos rirnos pondo exemplos dos prólogos interminables que damos por estes lares cando nos fan unha pregunta. Dinnos: vai frío? e nós remontámonos ao Pleistoceno antes de chegar ao quid da cuestión: Non, non vai frío, respondemos ao fin, cincuenta minutos despois co noso interlocutor ao bordo dun ataque de ansiedade.
Polo que contan os médicos son unha das profesións que máis sofren a incontinencia verbal, en realidade, e solo un síntoma da necesidade que temos todos de que nos escoiten.
Escoitarnos uns a outros quizais sexa un bo medicamento para estes tempos de desazón. É unha solución barata e sinxela e parece rendible. Xusto o que necesitamos: cousas baratas que sexan efectivas.

O verán ten sabor a sandía e conserva o cheiro de todas as praias nas que un xogou a nosa nenez. Chegados aquí só quédanos desexarnos sorte para que podamos vivir esta estación tan necesaria coa mesma luminosidade case interminable que xa teñen as tardes. Por máis que queiramos vivir á marxe da natureza, nós, coas nosas caídas e as nosas euforias, non somos máis que estacións de paso, veráns, outonos, primaveras e invernos que van cambiando a cor das nosas paisaxes. Hai días en que te levantas estival e outros días que necesitan a caída dalgunhas follas para poder renovar esa árbore que só aspira a manterse en pé e a seguir ofrecendo boa sombra a quen se achegue a buscala.

Otero Regal

Exit mobile version