Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares de Ribadeo presentan a moción xenerica do PP pola publicidade contra o rescate europeo da banca

O GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR no Concello de Ribadeo a través do seu portavoz D. Manuel Valín Valdés en base á lexislación vixente, presenta a seguinte

MOCIÓN DO PARTIDO POPULAR INSTANDO Á CORPORACIÓN MUNICIPAL A SOLICITAR A DIMISIÓN DO PRESIDENTE E VICEPRESIDENTE PRIMEIRO DA DEPUTACIÓN DE LUGO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O martes 12 de xuño de 2012 varios xornais publicaban un anuncio asinado pola Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo a través do que o ente provincial amosaba a súa postura contraria ao crédito europeo á banca.

A devandita publicidade -de marcado carácter partidista- non responde aos criterios contemplados na lexislación vixente sobre as campañas institucionais e evidencia como os actuais responsables da entidade provincial lucense fan uso de medios institucionais para empregalos como altofalantes da estratexia de comunicación do BNG.

De feito, o lema empregado no devandito anuncio publicitario “rescatan á banca, rouban ao povo”, coincide coa campaña iniciada polos nacionalistas galegos sobre este mesmo tema, malia que neste caso concreto, o anuncio publicado nos xornais fai uso tanto do escudo da Deputación provincial lucense, como dos logotipos oficiais da Vicepresidencia Primeira e realiza expresa mención ao parecer desta mesma institución no corpo do texto.

Dado a gravidade do acontecido o Partido Popular de Lugo presentou unha denuncia diante da Fiscalía ao obxecto de que se impulse a oportuna investigación e se dilucide se o devandito comportamento pode ter relevancia penal e constituír un presunto delito de malversación de fondos públicos, conforme ao previsto na lexislación vixente e xurisprudencia de referencia.

Ata o de agora as explicacións feitas públicas polos actuais responsables da Deputación provincial non deixan de ser absolutamente insostibles, incoherentes e incluso contraditorias, datos que proban a súa falta de credibilidade e fundamento: Mentres que nun primeiro momento sostiveron que se debía a un erro de maquetación, despois aseguraban que a factura dos diferentes anuncios foron abonadas por agrupación locais do BNG de distintos puntos de Galicia (concretamente Foz e Santiago de Compostela), para rematar asegurando que os devanditos pagos se efectuarán desde o Grupo Provincial do BNG na Deputación de Lugo.

Se xa de por si constitúe un feito grave e rexeitable que no actual contexto económico, os responsables do Goberno bipartito da Deputación de Lugo dean prioridade a unha campaña de confrontación co Goberno do Estado e a Unión Europea, moito máis aínda que se incumpran todas as normas e procedementos mínimos relativos á comunicación institucional.

Ata que se demostre o contrario, o pago de calquera anuncio publicitario inserto nos medios de comunicación vai a ser feito polo anunciante, que neste caso é a Deputación de Lugo e, polo tanto, os feitos descritos implicarían o uso partidista de medios e recursos que sufragan todos os lucenses.

Con independencia da relevancia penal deste comportamento, que corresponde dilucidar única e exclusivamente á administración de xustiza, parece claro que neste asunto hai claros responsables políticos na figura do autor dos feitos, o Vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Veiga Outeiro, e do seu presidente, Jose Ramón Gómez Besteiro, como cooperador e encubridor necesario.

O devandito comportamento socava e denigra a imaxe pública da Deputación Provincial de Lugo, que lonxe de servir ao interese xeral convértese nun instrumento partidista ao servizo dos seus actuais gobernantes. E cómpre lembrar que en política os erros e as irresponsabilidades se asumen a través dun procedemento: a dimisión inmediata e irrevogable dos seus responsables.

Por todo isto, é polo que somete á consideración das e dos concelleiros a seguinte:

Proposta de acordo

O Pleno da Corporación municipal acorda ante a gravidade dos feitos descritos solicitar a dimisión inmediata e irrevogable do Presidente da Deputación provincial de Lugo, Jose Ramón Gómez Besteiro e do Vicepresidente primeiro, Antón Veiga Outeiro, e insta aos responsables do Executivo bipartito a depoñer o uso partidista que están a facer da institución provincial.

Exit mobile version