NOTA DA DEPUTACIÓN:
Besteiro logra que a Xunta rectifique, elaborando un novo protocolo coas Deputacións tras as irregularidades xurídicas advertidas
– O Presidente presenta unha nova proposta, conseguindo que se modifique o tocante ó financiamento dos Servizos Sociais, que os Grumir sigan sendo responsabilidade autonómica e que se aborden o sector primario e a demografía, cuestións das que non había ningunha liña
– Gómez Besteiro agradeceu as modificacións introducidas xa que o anterior infrinxía a lei e discriminaba problemas de gran calado para Lugo e Galicia
– O titular provincial cumpre co seu compromiso e trasládalle a Núñez Feijóo a urxencia de dar solucións para os 2.000 empregos de Alcoa San Cibrao
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, logrou que a Xunta de Galicia rectificase e elaborase un novo protocolo de colaboración permanente coas Deputación galegas. Fixóo durante a reunión que mantivo hoxe co titular galego, Alberto Núñez Feijóo, previamente á sinatura do protocolo que estaba previsto pechar este mesmo mércores cos mandatarios provinciais.
Xa hai unha semana, a Deputación advertía de irregularidades xurídicas neste documento, notificándollas por escrito ó Goberno galego mediante o envío dun detallado informe sobre o que a institución luguesa non recibiu ningunha contraproposta. É máis, ó día seguinte de enviar á Xunta o informe, o Goberno autonómico informouno favorablemente no Consello autonómico. Buscando de novo o consenso e antes de ter que marcha da sinatura do protocolo, Gómez Besteiro entregou un borrador xeral para buscar a unanimidade que agora si foi recollido no documento asinado.
Deste xeito, sobre a marcha, o que provocou un retraso dunha hora a sinatura do convenio, modificáronse asuntos como: o financiamento dos Servizos Sociais que agora se axustan á Lei e non o Decreto que impuxo a Xunta; os Grumir seguirán sendo de responsabilidade autonómica; foron eliminadas as referencias ós Concellos menores de 15.000 habitantes para axustarse ó marcado pola Lei: 20.000 habitantes; e abórdanse asuntos estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico da Comunidade como o sector primario ou a demografía, ambas as dúas cuestións introducidas polo Presidente lugués.
Gómez Besteiro agradeceu as modificacións realizadas porque agora si se abordan os asuntos que preocupan á provincia e á Galicia. O titular provincial salientou que estaba moi interesado en que se asinen canto antes os convenios de colaboración posteriores a este protocolo xa que “é o modo de levalo á práctica, con financiamento concreto”.
Os motivos de que a institución luguesa se negara a asinar dende o primeiro momento o borrador do protocolo eran, fundamentalmente, que non se axustaba a lei e que era un cheque en branco co que a Xunta pretendía pasar as súas cargas financeiras ós lucenses xa que obrigaba ás Deputación a asumir os seus deberes pero sen transferencias económicas. Ademais, non trataba temas como a agricultura, a gandeiría ou a crise demográfica.
Solucións para Alcoa
Minutos antes da sinatura do convenio, Gómez Besteiro logrou que Núñez Fejióo o recibise uns minutos. Para elo, tiveron que pasar case tres anos nos que o Presidente da Deputación de Lugo lle remitiu ata nove solicitudes por escrito ó seu homólogo galego. O titular provincial aproveitou esta ocasión para entregarlle ó mandatario autonómico un detallado dossier cos trece puntos pendentes coa provincia de Lugo de maior urxencia, así como os acordos plenarios respectivos. O titular provincial trasladoulle de novo a Feijóo que unha das máximas preocupacións da Deputación de Lugo é a situación que atravesa Alcoa polo que lle transmitiu a necesidade de que Xunta e Goberno Central negocien unha tarifa eléctrica que permita a supervivencia da factoría e o mantemento de máis de 2.000 empregos directos e indirectos. Asi mesmo, tamén lle reclamou que poña en marcha as obras de construción do gaseoducto que o propio Presidente autonómico prometeu para San Cibrao e que nunca iniciou malia que este sistema permitiría á fábrica reducir os seus custes de produción nun 20% ó substituir o fuel polo gas natural, ademais das emisión de CO2. Gómez Besteiro cumpriu, deste xeito, co compromiso adquirido onte cos traballadores da factoría cervense e das súas empresas auxiliares logo da reunión que mantivo co Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao e de falar telefónicamente do Presidente de Alcoa España, José Camino de Miguel.
Servizos sanitarios e educativos
O titular provincial reiteroulle a Feijóo o seu ánimo de solucionar problemas e ir da man en proxectos que está a financiar a Deputación de Lugo, que son motores de emprego, e para os que só se lle pediu ó Presidente galego o mesmo trato que lle está a dar ás empresas privadas. Por exemplo, que concerte prazas de residencias e centros de día na rede que vai construír a Deputación luguesa xunto ós Concellos de todas as cores políticas. Xa que o Goberno autonómico non considera, textualmente, “nin prioritario nin necesario” facer estas residencias, a institución luguesa asume o financiamento de 15 millóns de euros pero solicita a mesma concertación de prazas que a Xunta fai co sector privado. Hai que ter en conta que a crise demográfica é o maior problema ó que se enfronta Galicia. Besteiro reclamoulle á Feijóo coñecer os plans para evitar o desmantelamento dos servizos sanitarios e educativos na provincia como: cando se vai cumprir o compromiso da Xunta na antiga residencia de Lugo ou no antigo hospital de Castro de Rei; cando se vai dotar ós hospitais da provincia de Radioterapia e Hemodinámica –hoxe os veciños teñen que ir á Coruña-. Ademais, pediulle que recapacitase sobre a eliminación do programa Preescolar na Casa.
O Presidente lugués tamén quixo saber cando se cumprirán os compromisos de infraestuturas pendentes como: o desdobramento do corredor da Costa, cunha especial atención ós veciños da zona de Magazos, ou do corredor Nadela-Sarria. Outros asuntos foron a creación da Autoridade Portuaria en Lugo, a declaración dos Camiños de Inverno e do Mar como ruta xacobeas ou a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.
NOTA DA XUNTA DE GALICIA
O titular da Xunta presidiu, hoxe, o acto de sinatura do protocolo de colaboración entre a Xunta e as deputacións provinciais galegas
FEIJÓO AFIRMA QUE COA SINATURA DO PROTOCOLO DE COOPERACIÓN ENTRE XUNTA E DEPUTACIÓNS, GALICIA DÁ UN PASO FIRME PARA SER PIONEIRA Á HORA DE POÑER EN PRÁCTICA A FILOSOFÍA DO PRINCIPIO DA COOPERACIÓN, DA UNIDADE E DA COORDINACIÓN ENTRE AS ADMINISTRACIÓNS
Subliña que, cando no ámbito estatal se está comezando a debater unha posible Lei de Réxime Local, Galicia volve a anticiparse coa sinatura deste documento, “como nos anticipamos cando iniciamos a senda da austeridade e cando iniciamos a senda da estabilidade orzamentaria”
Explica que o documento é útil para que as deputacións aforren no seu funcionamento; é útil para os concellos, porque se as deputacións e a Xunta camiñan xuntas os concellos son os últimos e grandes beneficiarios; e é útil para os cidadáns, que piden a maior responsabilidade nun momento tamén de maior dificultade
Destaca que, desde o primeiro día desta lexislatura, o Goberno galego intenta acordar e cooperar
Lembra que neste tres anos a convicción de acordar fraguou en numerosas ocasións: no ámbito universitario; nos distintos acordos alcanzados no Diálogo Social; en moitos aspectos no ámbito da cooperación municipal; “e, hoxe, volve a fraguar nun acordo estable e permanente”
Asegura que neste protocolo, amais da anticipación, converxen outros dous factores: a xenerosidade e a responsabilidade
Santiago, 20 de xuño de 2012.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que coa sinatura, hoxe, do protocolo de cooperación entre Xunta e Deputacións, Galicia dá un paso firme para ser pioneira á hora de poñer en práctica a filosofía do principio da cooperación, da unidade e da coordinación entre as administracións.
Feijóo subliñou deste xeito que, cando no ámbito estatal se está comezando a debater unha posible Lei de Réxime Local, Galicia volve a anticiparse coa sinatura deste documento, “como nos anticipamos cando iniciamos a senda da austeridade e cando iniciamos a senda da estabilidade orzamentaria”. “Hoxe, volvemos a anticiparnos cun documento que é útil, en primeiro lugar, para as deputacións, porque a cooperación é fundamental para que as propias deputacións aforren no seu funcionamento; é útil para os concellos, porque se as deputacións e a Xunta camiñan xuntas os concellos son os últimos e grandes beneficiarios; e é útil para os cidadáns, que son os que piden aos políticos a maior responsabilidade nun momento tamén de maior dificultade”.
O titular da Xunta aseverou que a falta de colaboración entre as administracións públicas é sinxelamente “un fracaso político, un fracaso colectivo” que debemos tentar reverter. “Por iso este acto –dixo- é unha proba da evolución do noso país nos últimos anos. É un cambio xeracional dos políticos que están ao fronte das deputacións e dos políticos que están ao fronte da Administración autonómica. Non hai tanto tempo esta firma podería resultar estraña; hoxe, aquí estamos, en plena crise económica, dicindo que é moito máis o que nos une que o que nos separa e demostrando que, en lugar de tropezar outra vez na mesma pedra da autarquía administrativa, apostamos pola unidade, polo acordo e pola cooperación”.
Neste sentido, Feijóo lembrou que “na Xunta entendémolo así desde o primeiro día desta lexislatura e, ao longo da mesma, intentamos acordar e cooperar”. “Fraguou o acordo no ámbito universitario e temos unha lei consensuada cos reitores e cos claustros, que entrará no Parlamento para ser aprobada; fraguou nos distintos acordos alcanzados no Diálogo Social; fraguou en moitos aspectos no ámbito da cooperación municipal co anterior presidente da Fegamp e co actual; e, hoxe, volve a fraguar nun acordo estable e permanente que non é outra cousa que poñer unha axenda mutua a disposición das administracións públicas, é dicir, abrir unha axenda común en servizos sociais, en investimentos en equipamentos culturais, en equipamentos deportivos, en equipamentos turísticos, en infraestruturas hidráulicas, en emerxencias ou en actividades formativas e de emprego”.
Por último, o presidente do Goberno galego explicou que para que isto sexa así, amais da anticipación, converxen outros dous factores: a xenerosidade e a responsabilidade. “A xenerosidade, porque a cooperación ten que ser algo habitual e o acordo ten que ser un compromiso de todos; e a responsabilidade, porque hoxe estamos aquí, cada un xogando o seu papel pero todos xuntos xogando o único papel que é distribuír os recursos públicos para os cidadáns con criterios de eficacia e con criterios de eficiencia”.