O Vicepresidente da Deputación de Lugo, sinalou “a importancia da celebración deste tipo de probas deportivas para dinamización socioeconómica da comarca”
Este torneo celebrarase, na localidade mariñá, os días 29 e 30 de xuño, e 1 de xullo
Alfoz, 16 de xuño de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou, esta mañá, no Centro Social de Alfoz, na presentación do XV Maratón Pardo de Cela de Fútbol Sala.
Este torneo, organizado coa colaboración da área de Deporte da Deputación de Lugo, celebrarase desde o 29 de xuño ata o 1 de xullo no pavillón polideportivo municipal de Alfoz. A inscrición, que ten un prezo de 150 euros por equipo, estará aberta ata o vindeiro día 27 de xuño. Desde a organización espérase a participación dun mínimo de 24 equipos, todos eles de categoría sénior.
No que aos premios se refire, o primeiro estará dotado de 1500 euros, ao segundo corresponderanlle 600 euros, e ao terceiro 200 euros. Os tres primeiros clasificados tamén recibirán cada seu trofeo, e o do vencedor estará realizado polo artista Hipólito Xeada. Tamén haberá trofeos para os 6 primeiros e para os mellores individuais.
Na súa intervención, Antonio Veiga afirmou que “esta cita deportiva, que este ano celebra a súa 15ª edición, está totalmente consolidada. Así o demostra o número de equipos participantes que atrae cada ano desde os seus comezos”. O vicepresidente da Deputación fixo fincapé “no importante que é a celebración deste tipo de probas deportivas para a dinamización deportiva, pero tamén para a económica e social para a comarca da Mariña”.