Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentan o Seminario de Estudos do Valadouro como “un colectivo encamiñado ao estudo e defensa da nosa cultura”

Discurso de presentación do Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA)

A razón deste acto que hoxe nos xunta é a presentación do Seminario de Estudos do Valadouro. Un colectivo encamiñado ó estudo e defensa da nosa cultura e da nosa identidade.

Con tal fin o Seminario de Estudos do Valadouro, SEVA como rezan as súas iniciais, traballará na recuperación, promoción e divulgación, dos valores históricos, arqueolóxicos, etnográficos, artísticos e culturais, así como outros de tipo económico ou científicos que garden relación cos territorios deste Val.

Quería destacar do grupo de xente fundadora deste colectivo, do cal a maioría nos acompaña,  a superación dun complexo que moitas veces estivo producido por debates estériles, sobre a unificación dos concellos de Alfoz e o Valadouro. E esa superación prodúcese simplemente porque o Seminario de estudos do Valadouro, está formado por xente que temos algo en común, todos os que formamos e desexo que todos os que nun futuro formen este colectivo, somos e debemos ser xente que vivimos ou nacemos ou temos relación e sobre todo sentimos e queremos este val. Un val sen fronteiras administrativas, un val  onde a cultura e o seu estudo non lle van poñer cancelas.

É para min sen dúbida un gran orgullo, presidir este colectivo formado por xente tan distinguida, do eido cultural, literario, empresarial, artístico…

Pero deste grupo de xente que superou este complexo, eu non quero para nada como presidente, e isto é unha petición persoal miña, que sexa un grupo elitista, non, neste colectivo ten cabida todo a mundo, e todo o mundo que teña como dicía antes, algo que ver con este val , que viva, repito, que sinta, que queira ou teña algunha inquedanza relacionada con este val. Porque o que está claro é que ninguén coñece mais un pobo que a xente que vive nel.

Moitos son os campos de actuación que terá este Seminario de Estudos do Valadouro que hoxe estamos aquí a presentar, co obxectivo de que podades formar parte nel. Pero se hai un obxectivo polo que eu realmente me sinta involucrado é polo estudo e recopilación do patrimonio oral, quizais o patrimonio máis difícil de gardar e conservar. De pouco sirve ter unha peza, unha ferramenta, datos dunha celebración, que poden ter un gran valor etnográfico ou cultural, se non temos recollido a voz de quen as utilizaba ou participaba nelas. Conservar unha peza ó longo dos séculos é relativamente doado pero conservar a forma de utilizalas, saber para que servían ou como se facían contado por quen a fixo ou a utilizou é mais difícil, e convertese nun patrimonio que se perde cada día.

A razón da miña participación neste seminario, parte dun feito que me ocorreu sendo moi novo. Eu son do Castro de Ouro, e cando eu era cativo, había moita xente maior por aquelas terras e case ningún rapaz, por iso, cando me cansaba de andar na bicicleta ou de aganchar polas cerdeiras de Pepe da Granda, aló polo San Xoán, sentábame a carón do señor Indalecio e escoitaba os seus versos, sempre dedicados a temas de actualidade. Eu pouco entendía o que significaban aquelas palabras pero quedaba abraiado por aquelas rimas improvisadas mentres alindaba as vacas na ribeira da Torre. Moito daría agora por ter escrito aqueles versos do señor Indalecio.

Esta é a miña razón e seguro que todos vos tedes outras similares para querer conservar os nosos valores para as vindeiras xeracións.

O primeiro dos nosos obxectivos é polo tanto a captación desa xente que ten estas razóns, esas inquedanzas. Quero que saibades que podedes asociarvos, tanto para contribuír activamente nas diferentes areas de traballo que se deseñen, como para simplemente contribuír coa vosa presenza e apoio.

Ó longo do verán iranse deseñando as diferentes areas de traballo do seminario. Cada area traballará de forma independente nun campo diferente. O estudo de oficios, da música, a arquitectura, a literatura, a mitoloxía, o estudo de personaxes históricos, a fauna e a flora, a arqueoloxía, a fotografía, o patrimonio oral, a economía… Estes son algúns dos campos dos que falamos nas primeiras reunións deste colectivo e son se dúbida motivo de estudo, de defensa e de recopilación. Como vos digo o seguinte traballo deste colectivo, ó longo do verán será formar grupos de traballo en cada unha destas areas.

Sería pois do noso agrado que este acto de presentación servira para animarvos a apoiar esta iniciativa.

Pois debemos aprender do pasado para deseñar o noso futuro.

Agora pasamoa a ver un documento graáfico que representa a recuperación da nosa identidad

Exit mobile version