Site icon Crónica3.com A Mariña

Responsables de seguridade reuniranse en Burela para coordinar os dispositivos de verán co concello

O CONCELLO ACOLLERÁ O LUNS UN ENCONTRO DOS RESPONSABLES DAS FORZAS DE SEGURIDADE MUNICIPAIS E ESTATAIS CO ALCALDE E CO CONCELLEIRO DE TRÁFICO E PROTECCIÓN CIVIL PARA COORDINAR OS DIFERENTES DISPOSITIVOS QUE SE PORÁN EN MARCHA DURANTE O VERÁN.

Burela, 30 de xuño de 2012. A sala de xuntas do Concello acollerá o vindeiro luns, 2 de xullo, ás 12 da mañá, un encontro dos responsables das forzas de seguridade co alcalde, José Mª González Barcia, e co concelleiro de Tráfico e Protección Civil, Manuel Fernández Valle. O obxectivo é coordinar os diferentes dispositivos que se porán en marcha durante o verán.

Á xuntanza asistirán o comandante de posto da Garda Ciivl e os responsables da Policía Local e de Protección Civil. González Barcia dixo que “o motivo fundamental é coordinar os dispositivos e os esforzos que se porán en marcha este verán para que non aconteza nada especial. Hai que regular os aparcamentos ademais de incrementar a vixianza. O que queremos é unha maior coordinación entre a Garda Civil e os medios municipais en datas como as celebracións da festa castrexa, da romería do Monte Castelo ou da festa do bonito”.

Estes encontros entre o equipo de goberno e as forzas de seguridade “xa se facían na anterior etapa nosa no Concello de Burela”, dixo o alcalde.

Exit mobile version