Site icon Crónica3.com A Mariña

Tumba e Dálle, Os Modernos, Tanto Nos Tén e Quempallou no I Festival Ao Son do Masma en Celeiro de Mariñaos

O COLECTIVO CULTURAL OLLOMAO E O GRUPO TUMBA E DÁLLE ULTIMAN OS DETALLES DO I FESTIVAL AO SON DO MASMA.

O festival celebrarase o sábado 16 de xuño durante todo o día nunha finca á beira do Río Masma, na parroquia de Celeiro de Mariñaos.No peche da xornada actuarán Tumba e Dálle, Os Modernos, Tanto Nos Ten e Quempallou.

Barreiros, 13 de Xuño de 2012. Os últimos preparativos ocupan agora o tempo dos compoñentes destas dúas entidades. Tras o esforzo de difusión realizado especialmente no último mes, agora son os pequenos detalles os que centran a súa atención.

Xa está todo en marcha: o roteiro co que se comezará a xornada, ás 10 da mañá, á beira do Masma; as e os artesáns que encherán de vida o barrio do Barral cos seus postos de instrumentos, coiro, complementos, roupa, alimentación…; o xantar que terá a disposición a organización; os xoguetes e xogos tradicionais que transportarán a pequenos e maiores a desfrutar coma outrora; os obradoiros de pandeireta, baile e cestería que terán lugar pola tarde e as e os aficcionados billardeiros que disputarán o Aberto de Billarda do Masma a partir das 17 horas. E, por suposto, as músicas e músicos dos catro grupos que animarán a noite cos seus concertos: Tumba e Dálle, Os Modernos, Tanto Nos Ten e Quempallou.

Desde a organización amosan unha evidente ilusión porque Celeiro de Mariñaos sexa un fervedoiro de xente o sábado 16. Desde que comezaron nas redes sociais con aquel “O 16 de Xuño, eu tamén vou…” ata hoxe foron días intensos, de numerosos contactos e de forte difusión para facer desta cita un día inesquecible.

Xoán Díaz, compoñente de Tumba e Dálle, o grupo anfitrión que abrirá os concertos, sinala que “é unha actividade única na nosa comarca: todo un día de actividade e festa que terá como peche os concertos de grupos de sobrado recoñecemento no mundo da música folk e tradicional. Pero ademais, desenvólvese nunha paraxe única da que temos o deber de coidar e pór en valor.”

Un Festival como punto de partida.

Desde o Colectivo Cultural Ollomao insisten en que “é algo no que levábamos tempo pensando. Plantexámolo non só coma un festival ao uso, senón coma unha oportunidade para pór en valor o noso: comezando polos nosos compañeiros de organización, o grupo local Tumba e Dálle, e seguindo polo espazo no que se desenvolve. Cremos que é a oportunidade de amosarlle a todo o mundo que Barreiros ten un gran potencial, entre o que se atopa o río Masma, e chamar a atención sobre o mesmo. É o momento de apostar pola valorización dos recursos que hai (o Masma, o Santo Estevo do Ermo, etc.), para o desenvolvemento económico de Barreiros.” E neste sentido, Tamara Rubiños explica “queremos implicar ao conxunto dos actores sociais barreirenses, queremos que as veciñas e veciños sintan esta festa coma propia, que participen dela e que desfruten das actividades.” Tamén por iso contan coa colaboración doutras asociacións do concello para a realización das actividades, coma O Arco da Vella, que impartirá os obradoiros de baile e pandeireta ou O Varal, que celebrará o I Aberto do Masma.

A medio prazo, o Colectivo Cultural Ollomao pretende impulsar actuacións que sigan este camiño, o da posta en valor dos recursos, poñéndose en contacto con todas as persoas, asociacións e institucións que poidan ter interese ou competencia para actuar sobre o Masma, tal e como marcaron na súa asemblea anual de Xaneiro. Polo tanto, “o Festival é o punto de partida para que a sociedade civil se implique na valorización dos seus espazos singulares para lograr un aproveitamento dos mesmos e que repercuta na economía local, como ten sido no seu momento.”

Exit mobile version