Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha quincena de persoas participa no curso de tiro con arco impartido por Jorge Galante

Unha quincena de persoas participa no Curso de tiro con arco impartido por Jorge Galante

-O alumnado vai dos 7 aos 43 anos, aínda que os pequenos son maioría

-Gabriel Galante, fillo do adestrador e campión de España de menores de 14 anos tamén acode á actividade

Cervo, 20 de xuño de 2012-Un total de 15 persoas de entre 7 e 43 anos inícianse estes días en Cervo na práctica do tiro con arco. O curso desenvólvese ao longo desta semana no auditorio da Casa do Mar de San Ciprián en dúas quendas, de 17:00 a 18:00 e de 18:00 a 19:00, co obxectivo de conformar grupos reducidos que permitan unha aprendizaxe máis personalizada.

O curso está impartido por Jorge Galante, adestrador acreditado pola Federación Galega de Tiro con Arco para poder ensinar esta disciplina; e pai de Gabriel Galante, o recentemente proclamado campión de España de tiro con arco menores de 14 anos, que tamén está acudindo ao curso.

Entre o alumnado, a meirande parte son nenos e nenas que desexan aprender a manexar o arco e as frechas e adquirir algunhas nocións sobre a técnica do tiro con arco. O material necesario para a aprendizaxe foi achegado pola Federación, que colabora co Concello nesta actividade, e no caso das frechas son adaptadas ao nivel de iniciación do curso, polo que non implican ningún perigo para o alumnado.

“Este curso é unha moi boa oportunidade para fomentar a práctica de deportes non maioritarios e dar a coñecer disciplinas olímpicas como o tiro con arco” asegura o edil de Deportes, “especialmente entre os pequenos e a mocidade, o público predominante neste curso”. Ademais, segundo Soto, “é un luxo que entre o alumnado se atope o campión de España en menores de 14 anos, xa que é un excelente exemplo de como con esforzo e ilusión se pode chegar moi lonxe, no deporte e na vida”.

Exit mobile version